Santiago, 21 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a instancias do Grupo Popular e transaccionada do Grupo Socialista, a través da que solicita unha mellora do marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles, en concreto unha modificación do Código Penal, a potenciación dos xuízos rápidos como procedementos modelo para os delitos de ocupación de inmobles ou a adopción de medidas cautelares para o desaloxo de inmobles dende o comezo da instrución sumarial.
A proposición non de lei aprobada hoxe no Pleno tamén incorpora a elaboración dun protocolo entre a Delegación do Goberno en Galicia e a Fiscalía Superior a fin de que se promova que os delitos relacionados coa ocupación de inmobles sexan obxecto de xuízos rápidos.
Ademais, naqueles casos nos que os ocupantes sexan familias en risco de exclusión social, demándase que se arbitren, en colaboración cos concellos, as medidas necesarias para o seu realoxo a través dos distintos programas postos en marcha pola Xunta de Galicia.
“Esta proposición non de lei pretende dar resposta aos problemas que se están presentando pola ocupación ilegal de vivendas en contra da vontade dos seus propietarios”, concretou a viceportavoz popular, Paula Prado.
ADOPCIÓN DE MEDIDAS CAUTELARES
En concreto, Paula Prado referiuse ás accións que levan a cabo grupos de delincuencia organizada que detectan pisos baleiros e, logo de facerse coa súa posesión ilegalmente, trafican e especulan con estas vivendas, xerando situacións de inseguridade e conflitos co resto dos veciños. Pero tamén falou de situacións derivadas da utilización de inmobles baleiros como vivenda por persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade social e que non teñen posibilidade de acceder a unha vivenda digna.
A viceportavoz popular indicou que “pretendemos modificacións lexislativas de competencia estatal e, por tanto, debe ser o Goberno central e o Congreso dos Deputados quen promova estas reformas que darían respaldo xurídico reforzado á actuación das forzas e corpos de seguridade, e tamén aos tribunais de Xustiza”. “Ademais, con estas modificacións conseguiríamos que se puidesen adoptar medidas cautelares para a inmediata restitución ao titular do inmoble da posesión e goce urxente do mesmo, e que non teña que agardar a que se dite unha sentenza condenatoria ao usurpador”, engadiu.
Paula Prado tamén se referiu aos incidentes acontecidos en Santiago con okupas e manifestou que desde o Grupo Popular “condenamos estas accións violentas, que se saldaron con seis policías feridos, policías que, con absoluta profesionalidade actuaron para defender a legalidade e para defender a orde pública”.
“Nós defendemos o Estado de Dereito, estamos coa sociedade civil e civilizada, defendemos a propiedade privada e defendemos que as familias vulnerables teñan unha vivenda digna, pero non defendemos a quen de xeito violento lle quita o uso da propiedade privada ao seu lexítimo propietario non porque non teñan unha vivenda digna na que durmir senón porque están en contra do sistema”, sinalou.