O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno Central financiamento adicional para o mantemento das oficinas de xustiza nos concellos como consecuencia do incremento de funcións que é de obrigado cumprimento pola entrada en vigor da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
O deputado popular Roberto Rodríguez explicou que un dos cambios máis significativos da recente reforma da Lei Orgánica 1/2025 é a conversión dos actuais Xulgados de Paz en Oficinas de Xustiza nos concellos, “co obxectivo de ofrecer unha
xustiza máis próxima en todo o territorio nun momento en que o risco de despoboamento no rural é elevado e no que se require aumentar os servizos da Administración”. Deste xeito, a Oficina de Xustiza non só manterá os actuais servizos dos Xulgados de Paz, senón que os ampliará ao ofrecer novos e mellores servizos ás persoas que habitan atendendo aos espazos e medios dispoñibles.
MESMOS SERVIZOS QUE ATA AGORA
“Trátase de evitar que quen se atopa nestes municipios teñan que desprazarse ás capitais para realizar aquelas xestións ante a administración que actualmente teñen que levar a cabo de xeito presencial, dotando a estas Oficinas de Xustiza dos medios tecnolóxicos necesarios para a práctica de actos procesuais e a intervención nos mesmos a distancia”, concretou.
Así, apuntou que nas Oficinas de Xustiza nos municipios seguiranse prestando os mesmos servizos que ata o de agora: a asistencia ao xuíz ou a xuíza de paz do municipio no exercicio das funcións que teña atribuídas legalmente; e a práctica dos actos de comunicación procesual con quen resida no municipio ou municipios para os que presten os seus servizos, sempre que os mesmos non se puideran practicar por medios electrónicos.
Roberto Rodríguez manifestou que “a dotación inicial das instalacións e dos medios instrumentais destas novas Oficinas Xudiciais corresponderase cos dispoñibles actualmente para os Xulgados de Paz asumidos polas entidades locais, o que suporá que os concellos teñan que facer grandes investimentos nin grandes obras”.
Porén, apuntou que “o concello deberá dispoñer dun espazo acondicionado e unha conexión de rede que garanta a adecuada conectividade, de xeito que sexa viable a intervención en actos procesuais e doutra clase a través de sistemas de videoconferencia desde a propia Oficina Xudicial, espazo que, ademais, deberá ofrecer as condicións adecuadas e necesarias de privacidade e seguridade para que estas actuacións se realicen coas debidas garantías”.
“O Goberno central lexisla e impón obrigas ás demais administracións, pero non prevé traspasos de fondos adicionais para poder asumilas”, reclamou o deputado popular, polo que considerou necesario que “dispoña dun financiamento adicional para adecuación dos actuais Xulgados de Paz en Oficinas de Xustiza, así como para sufragar o incremento de funcións para os concellos pola entrada en vigor na nova Lei”.