O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central, a través das confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro, que adopten medidas urxentes de protección fluvial coa posta en marcha dun plan de choque postincendios que inclúa a limpeza e retirada de materiais das marxes e canles, a restauración vexetal das beiras, o control da erosión do solo, medidas preventivas ante choivas torrenciais e a supervisión directa das infraestruturas hidráulicas que poidan verse comprometidas polos arrastres. Así mesmo, pídese que reforcen os sistemas de control e vixilancia da calidade da auga, tal e como está a facer a Xunta, ampliando a rede de puntos de seguimento en ríos e regatos afectados polos lumes.
O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, explicou que “as consecuencias dos lumes forestais non rematan coa extinción das lapas, porque o impacto máis silencioso e prolongado maniféstase coa chegada das choivas: solos desprotexidos, cheos de cinza e restos de materia queimada corren o risco de ser arrastrados polas escorrentías cara aos ríos ou regatos”.
RESPOSTA INMEDIATA, COORDINADA E AMBICIOSA
“A situación demanda unha resposta inmediata, coordinada e ambiciosa, porque o arrastre supón un grave efecto ambiental e sanitario ao deteriorar a calidade da auga, xerar mortalidade da fauna acuática, alterar os ecosistemas ribeiráns e dificultar o abastecemento humano e agrícola”, indicou o portavoz popular.
Trenor salientou que “a Xunta leva semanas despregando diferentes medidas na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa co obxectivo de controlar as augas de consumo humano e minimizar o impacto destes arrastres nos ríos”. A través de Augas de Galicia, está a mobilizar recursos, contratos plurianuais e equipos técnicos nas zonas afectadas polos lumes dentro deste área da súa competencia. En concreto, habilitáronse cordóns de vexetación ao longo das marxes para frear a escorrentía, reter cinzas e estabilizar o solo; albarradas en canle, para reducir velocidade do fluxo e fixar sedimentos en tramos de moita pendente; reconstrucións puntuais das canles, onde as obras de defensa durante a extinción ocuparon ou deformaron o leito; e limpas selectivas de árbores caídas ou biomasa na canle dos ríos.
“Medidas semellantes deberían desenvolverse por parte das confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro, que dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pero a realidade amosa que non están a desenvolverse co mesmo ritmo nin urxencia”, indicou o portavoz popular, quen subliñou que “a protección do dominio público-hidráulico é obriga principal das confederacións hidrográficas, polo que non é admisible que se pretenda trasladar á Xunta ou aos concellos unha responsabilidade que é do Estado”.