Santiago, 19 de outubro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, co único voto en contra de En Marea, a través da que se demanda á Xunta que proceda á apertura de novas zonas de concentración parcelaria de interese agro-gandeiro e forestal co obxectivo de rendibilizar as explotacións actuais.
Así mesmo, o Grupo Popular apoiou a aprobación doutra proposición non de lei que pide ao Goberno galego que todas aquelas axudas para prevención e defensa contra os lumes forestais nas que sexan beneficiarias as comunidades de montes, os traballos poidan ser realizados non só polas empresas forestais, senón tamén polas propias comunidades.
O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco Paradelo, explicou que, “dada a importancia que a reestruturación parcelaria ten para mellorar a estrutura territorial das explotacións galegas, consideramos necesario que se continúe a potenciar as concentracións parcelarias, procedendo á apertura de novas zonas de reestruturación naquelas partes nas que haxa explotacións agrogandeiras e forestais que requiran de maior base territorial para garantir a súa rendibilidade”.
Neste sentido, concretou que na actualidade existen en Galicia 113 solicitudes de novas concentracións parcelarias públicas, das que 26 se atopan en proceso de tramitación ambiental, 25 xa teñen resolto o seu trámite ambiental e outras 17 están con estudos previos para a súa iniciación.
Moisés Blanco subliñou “o compromiso firme do Goberno galego de pechar nesta lexislatura todos os procesos de concentración parcelaria abertos en 132 zonas, que afectan a 117.133 hectáreas e 91.554 propietarios, para o que se destinará máis de 80 millóns de euros”. “Un dos principais obxectivos no ámbito rural é traballar contra a escasa dimensión da base territorial das nosas explotacións, coa posta en marcha de mecanismos de reestruturación e mobilización das terras produtivas”, engadiu.
FACILIDADES PARA AS COMUNIDADES DE MONTES
Na sesión da Comisión 7ª do Parlamento galego celebrada esta mañá, o Grupo Popular tamén apoiou a aprobación doutra proposición non de lei para que as comunidades de montes poidan realizar con medios propios os traballos de prevención e defensa contra os lumes forestais que leven a cabo con cargo ás axudas da Xunta de Galicia.
O portavoz popular amosou a súa sorpresa porque esta proposta do BNG “veña a recoller unha das recomendacións recollidas no ditame da Comisión de Estudo sobre o plan forestal e loita contra os incendios forestais, recentemente aprobado cos votos do Grupo Popular e Grupo Socialista, pero que contou co voto en contra dos nacionalistas”.
En concreto, a través do punto 5 da recomendación número 21 do citado ditame se acepta, co obxectivo de mellorar a adecuación das subvencións ao perfil dos destinatarios e ao tipo de actividade, “a posibilidade de que os traballos a subvencionar se poidan acometer con medios propios dos beneficiarios, mediante o establecemento de módulos obxectivos”.
“Pero é que, ademais, a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e SOFOR xa contempla que estes traballos podan ser realizados por medios propios”, manifestou Moisés Blanco para confirmar o voto favorable do Grupo Popular “porque non imos ir en contra do ditame da comisión de estudo sobre a política forestal nin da orde de axudas en vigor”.
PLAN FORESTAL NO PARLAMENTO
Por último, sobre unha proposta de En Marea respecto da tramitación do novo Plan Forestal, o portavoz popular lembrou que “xa está previsto que a Xunta remita ao Parlamento este documento para o seu debate en profundidade, unha vez remate o estudo das alegacións presentadas no trámite de información pública”.
“Nesta ocasión tamén consideramos incomprensible a proposta de En Marea, xa que nas recomendacións do ditame da Comisión de Estudo sobre a política forestal, que eles votaron en contra recentemente, se recolle que se garantirá a participación parlamentaria na tramitación e aprobación do Plan Forestal antes da súa aprobación polo Consello da Xunta”, indicou Moisés Blanco.
Así mesmo, lembrou que unha resolución do Grupo Popular aprobada no recente Debate sobre o Estado da Autonomía, co apoio do Grupo Socialista, instaba á Xunta a que no actual período de sesións proceda a enviar ao Parlamento galego o Plan Forestal de Galicia.