Santiago, 19 de febreiro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno do Estado para que adopte medidas que resolvan as deficiencias apreciadas no procedemento de concesión do bono social, de xeito que se evite a súa denegación ás persoas que teñen dereito ao mesmo, polo mero feito de trabucarse ao cumprimentar a solicitude.
Así mesmo, pídese que se garanta a concesión automática con efectos retroactivos dende o momento da primeira solicitude no caso de que se aprecie algún erro destas características, sen que se esixa ningunha actuación posterior por parte da persoa interesada.
A proposición non de lei solicita, ademais, que se leven a cabo actuacións que permitan acceder ao bono social a aquelas persoas que tendo dereito ao mesmo non podan demostrar os seus ingresos por non estar obrigados a realizar a declaración de IRPF, nin percibir pensión, así como a aquelas persoas que non poidan acceder á titularidade dun contrato de enerxía eléctrica pero si estean a se facer cargo do importe derivado do consumo en virtude dun contrato de arrendamento.
A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou que “protexer ás persoas consumidoras en Galicia é un obxectivo permanente tanto do actual Goberno galego como do PPdeG”. Neste sentido, apuntou que “imos defender tanto o sistema de bono social implantado polo Goberno central como que a Xunta continúe coa labor de información para a tramitación tanto deste bono social estatal como da axuda complementaria autonómica”.
DIFICULTADES NA TRAMITACIÓN
Marta Nóvoa lamentou que “se estean a rexistrar casos de persoas que teñen dereito a acceder ao bono social e que se lles denega por ter dificultades na tramitación ou sofren moitos retrasos na súa tramitación, o que pode producir un efecto disuasorio nos consumidores máis vulnerables”. Dentro destes casos figuran os pensionistas que non teñen unha pensión mínima pero si compren o requisito de renda, que teñen que volver a presentar a solicitude; ou das persoas que non poden demostrar o seu nivel de ingresos, ben porque non teñen pensión, porque non están obrigados a presentar a declaración do IRPF ou porque non son titulares dun contrato de subministro eléctrico.
“Tras detectar estes obstáculos ou deficiencias na tramitación do bono social estatal, cremos que se deben introducir melloras como a simplificación administrativa, para evitar a denegación desta axuda ás persoas que teñen dereito á mesma ou que cometan erros na súa solicitude; o establecemento da concesión automática, con efectos retroactivos das axudas desde a primeira solicitude, cando se teña dereito ao bono pero haxa erros na mesma; e a posibilidade de habilitar mecanismos para xustificar os ingresos”, apuntou a portavoz popular.