Santiago, 8 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda dos concellos a elaboración de plans de emerxencia ante situacións de seca e levar a cabo as actuacións necesarias na rede municipal de abastecemento para solucionar os problemas existentes e evitar a perda de auga na rede.
Así mesmo, ínstase ás deputacións provinciais a que presten apoio a aqueles municipios que carezan de recursos técnicos e económicos para a realización destes plans de emerxencia.
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, lembrou que “o contexto de cambio climático obríganos a estar preparados para afrontar situacións derivadas de períodos de escaseza de precipitacións, que supoñen a diminución da auga dispoñible”. “Por iso, é necesario que desde as distintas administracións con competencias na materia se conte cunha planificación e se teñan previstas as actuacións necesarias para afrontar os desafíos que temos por diante: lograr unha xestión da auga responsable, eficiente e sustentable; e evitar riscos e garantir o subministro de auga, en cantidade e calidade, á poboación”, apuntou.
Trenor explicou que tanto a normativa básica en materia de réxime local, a Lei reguladora das bases de réxime local, como a Lei de Administración local de Galicia, e tamén a normativa sectorial en materia de augas, a Lei de augas de Galicia, establecen que os concellos teñen a competencia exclusiva en materia de abastecemento e saneamento dos seus sistemas municipais.
COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
“Porén, e sen restarlle ningunha competencia aos concellos, desde o Grupo Popular somos partidarios da colaboración entre as administracións, polo que consideramos que o Goberno galego debe asumir a responsabilidade de ordenar e apoiar aos concellos neste servizo”, indicou. Deste xeito, apuntou que o Goberno galego “xa vén prestando apoio ás administracións locais, e desde 2009 acometeu 300 actuacións en materia de abastecemento que beneficiaron a 186 concellos galegos”.
Así mesmo, o portavoz popular salientou que a Xunta, a través de Augas de Galicia, “xa elaborou o Plan de Seca da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, dotándose así dun instrumento propio de planificación que lle permite, ante un episodio concreto de seca, a identificación, avaliación, seguimento, toma de decisións e posterior adopción de medidas precisas de cara a minimizar os efectos adversos derivados desta situación”.
“Pero faise necesario tamén que os propios concellos se doten de instrumentos adecuados para poder xestionar estes eventos de seca con dilixencia e eficacia, elaborando os seus propios plans de emerxencia contra a seca”, sinalou Gonzalo Trenor.
OBRIGA LEGAL
Neste sentido, recordou que desde 2001 existe a obriga legal para que os concellos de máis de 20.000 habitantes se doten destes plans de emerxencia ante situacións de seca, pero lamentou que “a día de hoxe ningún concello galego desta categoría conta con plans de emerxencia”.
“Aínda que a obriga legal se estableza para os grandes municipios, consideramos que tamén sería recomendable que os pequenos concellos conten con estes plans de emerxencia ante situacións de seca, elaborado por si mesmos ou ben co apoio das deputacións provinciais”, manifestou. Así, concretou que “as deputacións provinciais deben poñerse á disposición daqueles municipios que carecen de medios para desenvolver estes plans de emerxencia e facilitarlles a súa elaboración para que poidan facer fronte con eficacia a todas as situacións problemáticas futuras”.
Para finalizar, Gonzalo Trenor indicou que a lei de medidas de garantía de abastecemento que está a impulsar a Xunta busca crear as ferramentas para garantir a auga en calidade e en cantidade necesaria no novo contexto de cambio climático. “Esta incide, precisamente, na necesidade de que as administracións locais se doten de instrumentos adecuados para xestionar episodios de seca con dilixencia e eficacia, e para que os concellos conten con plans de emerxencia ante a seca”, explicou o portavoz popular, quen apuntou que “tamén incide na necesidade de que as deputacións exerzan a súa responsabilidade de apoio aos concellos, sobre todo aos máis pequenos, na elaboración dos seus plans de emerxencia, ou no financiamento das actuacións para garantir o abastecemento de auga potable á poboación”.