Santiago, 20 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se solicita ás autoridades competentes de Uruguai que se tomen todas as medidas necesarias para garantir a protección sanitaria dos socios de Casa de Galicia, así como todas aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e a integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico desta entidade para que permanezan no ámbito da galeguidade no propio país, axudando aos socios na súa adquisición, ou facendo directamente a Administración, no caso de non ser posible outra solución. Ademais, demándase que tanto o Estado como a Xunta continúen coas medidas que correspondan dentro das súas competencias para asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos.
A deputada do Grupo Popular Raquel Arias manifestou que, ante a situación que está a vivir a Casa de Galicia en Montevideo, “a nosa preocupación é dobre: por un lado, a protección sanitaria dos seus socios, de maneira particular dos galegos; e, por outro, da protección do seu patrimonio e a garantía da súa continuidade”.
Porén, lembrou que, a consecuencia da cualificación xurídica da Casa de Galicia en Montevideo, “só o Goberno e o resto de poderes establecidos pola Constitución e as normas do Estado de Uruguai son competentes para o control, desde calquera punto de vista, desta institución”. “Iso non quita que desde a Xunta se siga moi de preto e de forma continua a situación da Casa de Galicia, do mesmo xeito que se fai co resto de entidades en diferentes países do mundo”, subliñou.
ESGOTAR TODAS AS ACCIÓNS POSIBLES
Raquel Arias referiuse aos numerosos contactos desde o ano 2016, e intensificados nos últimos meses, realizados pola Xunta de Galicia, a través do secretario xeral de Emigración e do propio delegado da Xunta en Uruguai, ante as autoridades deste país, o embaixador de España e o conselleiro laboral desta embaixada para chegar a unha solución satisfactoria para a Casa de Galicia.
A través destes contactos, a Xunta solicitou que o Goberno de Uruguai esgotara todas as accións posibles, executivas ou de iniciativa lexislativa, para lograr acadar unha solución que permitira dar continuidade á Casa de Galicia, ao tempo que se adoptaran todas as medidas necesarias para garantir os dereitos dos asociados desta institución no referente á atención á saúde e para garantir a protección do patrimonio cultural, histórico e artístico da entidade.
“A Xunta mantén un contacto continuo cos socios da entidade e con todos os que, dun xeito ou doutro, están loitando pola continuidade da Casa de Galicia en Montevideo, ao tempo que mantén unha coordinación co Goberno de Uruguai para facer un seguimento da situación e dar os pasos que procedan en cada momento para a atención tanto dos pacientes como do patrimonio da entidade”, sinalou a deputada popular.