Santiago, 21 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España que realice as xestións oportunas ante a Unión Europea para que, na revisión do Regulamento do mecanismo Conectar Europa que se realizará no ano 2018, Galicia, as comunidades do norte de España e a Rexión Norte de Portugal queden conectadas ao Corredor Atlántico, configurando unha verdadeira rede de mercadorías por ferrocarril que desde a fachada atlántica da península comunique co resto de Europa.
Así mesmo, a proposición non de lei demanda a mellora e modernización da rede ferroviaria interna mediante a conexión cos portos e a electrificación das vías que carecen desta innovación, co obxecto de facer máis competitivo o transporte de mercadorías por ferrocarril.
Así mesmo, solicita a potenciación do uso do ferrocarril para o transporte de mercadorías ao longo do eixo atlántico entre Ferrol e Lisboa. Para avanzar neste obxectivo, no horizonte do ano 2020, pide a mellora da liña entre Ferrol e Coruña e da construción da saída sur de Vigo cara ao Miño e a fronteira portuguesa.
LIÑA COMPETITIVA DE MERCADORÍAS
En cuarto lugar, a proposición solicita o impulso das melloras precisas nas infraestruturas ferroviarias para poder contar cunha liña competitiva para as mercadorías pola cornixa cantábrica, mellorando a conexión de Galicia co litoral cantábrico, conectando co corredor europeo.
Por último, incorpora que nos orzamentos do Estado para 2018 se consignen as partidas necesarias para avanzar nas conexións recollidas nos plans estatais de infraestruturas de transporte: Liña ferroviaria “Vigo–Ourense–Monforte de Lemos–Ponferrada–Venta de Baños; saída sur ferroviaria de Vigo, de cara a completar o eixo “Ferrol–A Coruña–Vigo–Porto”; a conexión ferroviaria do Porto de Vigo coa Plataforma Loxística Salvaterra–As Neves (PLISAN); e a mellora operativa do Porto Seco de Monforte.
MÁIS PESO AS ACCIÓNS DO GOBERNO GALEGO
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, explicou que o mecanismo Conectar Europa é “un programa de financiamento da Unión Europea para o período 2014-2020 que, a través de subvencións, contratos públicos e instrumentos financeiros, apoia proxectos de interese común destinados ao desenvolvemento da Rede Transeuropea de Transporte”.
“A revisión deste regulamento do mecanismo Conectar Europa permitiría abrir a posibilidade de propoñer modificacións á configuración dos corredores da rede básica, propoñendo unha antena que desde Venta de Baños siga cara a Palencia, León, Astorga, Monforte de Lemos, Vigo e A Coruña”, concretou.
Martín Fernández amosou a satisfacción pola unanimidade acadada no Parlamento a esta proposición non de lei, “que dará máis peso á solicitude do Goberno galego que xa vén traballando en distintas frontes para aproveitar a oportunidade que representa a revisión do mecanismo financeiro Conecta Europa para potenciar as conexións de mercadorías dos portos galegos”.