Santiago, 4 de maio de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta a avanzar na política enerxética impulsada nos últimos anos, consolidando e reforzando as medidas adoptadas en favor dun desenvolvemento eólico ordenado, compatible coa protección do medio ambiente e impulsor de riqueza e emprego.
A portavoz de Enerxía, Marta Nóvoa, manifestou que “estamos nun momento de máxima incerteza económica e unha das principais causas é o elevado prezo da enerxía, motivado por unha política de transición enerxética desordenada, inxusta e claramente ideolóxica do Goberno central, que non foi capaz de prever as consecuencias sobre a industria, as pequenas e medianas empresas, os autónomos e as familias”.
MÁXIMAS GARANTÍAS
“Neste escenario existe unha necesidade de establecer un compromiso claro para que Galicia continúe liderando un desenvolvemento eólico compatible e que manteña as máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais necesarias para os proxectos que resulten aprobados tras unha tramitación transparente e de conformidade co marco legal vixente”, sinalou.
En primeiro lugar, a proposición non de lei aprobada hoxe solicita que se asegure a vixencia do Plan Eólico de Galicia como un instrumento específico de ordenación territorial que está a permitir racionalizar o aproveitamento desta enerxía renovable e maximizar o valor engadido deste investimento sobre o tecido industrial e social da Comunidade Autónoma. Neste sentido, Marta Nóvoa concretou que este plan “define unhas áreas de desenvolvemento concreta, que, xunto á prohibición de implantar parques eólicos en espazos da Rede Natura, garanten que o 77,5 por cento do territorio galego estea exento de eólicos”.
Así mesmo, reitérase a modificación da distancia para a colocación dos aeroxeneradores, que consiste en aplicar 5 veces a altura do aeroxerador para os novos proxectos; ao tempo que solicita que se manteña ata o 30 de xuño de 2023 a moratoria para novos proxectos, co obxecto de xestionar coas máximas garantías os 275 expedientes de tramitación autonómica existentes, a excepción daqueles que posúan unha función vertebradora e estructurante no territorio.
A iniciativa aprobada hoxe tamén pide reforzar a transparencia, achegando información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas; impulsar unha modificación lexislativa aos efectos de dar prioridade na tramitación aos proxectos eólicos en Galicia que destinen o 50 por cento da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia, a través de contratos a largo prazo do prezo da enerxía.
COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL
A proposición no de lei considera necesario o compromiso do Goberno central un desenvolvemento áxil, ordenado e garantista do sector eólico, polo que tamén se lle solicita o cumprimento do marco legal establecido en Galicia no exercicio das competencias autonómicas, con motivo da tramitación dos proxectos eólicos de máis de 50 MW de potencia, facendo decaer aqueles expedientes que non cumpran coa normativa galega e teñan sido informados negativamente pola Xunta de Galicia.
Así mesmo, demándase a sinatura dun convenio de colaboración entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Xunta de Galicia para coordinar o desenvolvemento eólico no territorio galego; o establecemento de figuras de priorización na tramitación dos proxectos que sexan de competencia estatal en favor daqueles que estean vencellados á consolidación da industria e emprego en Galicia; e, por último, evitar volver a considerar o canon eólico como un suplemento territorial, na medida que se trata dun tributo medioambiental dirixido a compensar o impacto no territorio.