Santiago, 31 de xullo de 2019.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de Patrimonio Natural de Galicia, “unha norma ambiciosa que adapta aos tempos e ás necesidades actuais a normativa existente desde hai 18 anos”, manifestou o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor. Así mesmo, salientou que “con esta nova lei Galicia será a primeira comunidade española en adaptar a normativa autonómica á lexislación estatal”.
Gonzalo Trenor afirmou que este novo texto lexislativo “consolida a prevalencia da protección medioambiental sobre a ordenación territorial e urbanística; garante a conservación, o uso sostible, a mellora e a restauración do patrimonio natural e da biodiversidade galega; e fomenta a información pública e os mecanismos de colaboración, cooperación e participación da sociedade no deseño e execución das políticas nesta área”.
Ademais, engadiu que a nova norma “aposta polo desenvolvemento sostible dos espazos naturais, compatibilizando a súa conservación co seu uso e desfrute”. Neste sentido, referiuse á creación de novas figuras de protección como as microrreservas, pensadas para espazos naturais cunha superficie de menos de 20 hectáreas con especies ameazadas ou hábitats raros, dándolles un maior grao de protección ao incorporalas na Rede Galega de Espazos Protexidos.
TURISMO COMPATIBLE
O portavoz popular engadiu que a nova lei “impulsa modelos de turismo compatibles co medio ambiente e deseña códigos de boas prácticas, co obxectivo de garantir que no futuro poidamos seguir gozan do nosos espazos naturais, que contan cun amplo valor tanto a nivel natural, como medio ambiental, paisaxístico e económico”.
Outra das cuestións que destacou Trenor desta nova norma é a creación dun listado de especies silvestres de protección especial, regulando por primeira vez a conservación e cría de especies fóra do seu hábitat. “Para isto, farase un catálogo de hábitats en perigo de desaparición e fixarase un conxunto de prohibicións relativas a aquelas prácticas lesivas, agresivas ou que poidan molestar ás especies silvestres animais”, engadiu.
TRAMITACIÓN CON DIÁLOGO
Gonzalo Trenor salientou que esta lei “tramitouse con diálogo con todos os sectores afectados” e lembrou que durante o período de exposición pública “todos os interesados polo noso patrimonio natural puideron facer as súas achegas”. En concreto, dixo que a Xunta recibiu máis de 1.000 achegas, das que finalmente se aceptaron preto do 65 por cento que enriqueceron o texto orixinal.
Neste sentido, criticou as declaracións dos grupos da oposición respecto da falta de diálogo respecto desta lei e afirmou que “teñen un concepto da negociación moi especial, xa que para vostedes o diálogo é dicirlles amén a todo o que propoñen”. “A protección do noso patrimonio natural non pode depender da axenda partidista da oposición, senón de medidas dirixidas para garantir a súa conservación”, afirmou.