Santiago, 24 de febreiro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a revisión do Plan Forestal, “un instrumento básico de planificación forestal que busca a eficiencia a través da ordenación e a xestión sustentable dos espazos e recursos forestais”, sinalou a portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia. Así mesmo, lamentou que tanto BNG como PSdeG rexeitaran a proposta realizada onte polo conselleiro de regular unha suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto naquelas superficies nas que non se tivera plantado ata o momento da suspensión e asegurou que “no PPdeG seguiremos traballando con vostedes ao lado ou de fronte, porque defendemos a convivencia pacífica dos tres usos do rural galego: o forestal, o gandeiro e o agrícola”.
Elena Candia subliñou que o novo Plan Forestal é “un documento flexible e vivo, que nace co compromiso serio da súa posta en marcha e aplicación”. Así, lembrou que na súa elaboración participaron 26 entidades e incorpora case o 90 por cento das directrices propostas, así como o 75 por cento do ditame da Comisión de Estudo sobre a política forestal e os incendios forestais celebrada a pasada lexislatura.
Respecto das propostas de resolución presentadas polo BNG, a portavoz popular explicou que “a gran maioría son para desacreditar o documento ou a xestión da Xunta, sen dedicar moito esforzo na súa redacción”. En concreto, dixo que “a súa proposta máis clara é arrancar plantacións de eucalipto a razón de 10.000 hectáreas por ano ata as 200.000, demanda que contou co apoio dos socialistas; coa particularidade ademais de incrementar as zonas de policía dos cursos fluviais galegos de 15 a 25 metros”.
Candia indicou que as propostas de resolución dos socialistas céntranse en “criminalizar as plantacións de eucalipto e a industria que xera, ademais de incluír incoherencias como optar pola inclusión no plan do rol da Axencia Galega da Industria Forestal ou suprimila”.
INMOBILISMO ABSOLUTO
“A petición unánime de nacionalistas e socialistas é que se retire esta modificación do Plan Forestal, amosando un inmobilismo absoluto a pesar das propostas que se lle fixeron ata última hora”, sinalou a portavoz popular. Ademais, criticou que “por unha banda cualifiquen este documento como urxentísimo e, por outra parte, pidan que se retire todo o feito ata agora e volvamos a comezar”. “Seguen con ese pensamento equivocado de que canto peor lle vai a Galicia mellor lles vai ir a vostedes”, dixo.
Elena Candia asegurou que “imos traballar para que este Plan Forestal sexa unha realidade e trasladar a todos os galegos que os protexe”. Así mesmo, manifestou que as empresas e emprendedores do sector “identifican este instrumento como necesario e oportuno para continuar posicionando ao forestal galego nos mercados nacional e internacional, e dando emprego a máis de 80.000 familias”.