20 de decembro de 2022. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe os orzamentos da Xunta para 2023, “unhas contas que engaden un plus de estabilidade económico e financeira á estabilidade política que vive a Comunidade galega”, salientou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy. Neste sentido, puxo como retos para o vindeiro ano “a transformación enerxética e dixital de Galicia como vía para o crecemento e a xeración de emprego de calidade”.
Pedro Puy destacou “a normalidade no debate de tramitación destes orzamentos pese ao extraordinario contexto económico, social e político que estamos a vivir”. Así, contrapuxo un debate “centrado unicamente nas contas da Xunta para o vindeiro ano coa lamentable situación que estamos a vivir a nivel estatal, cunha errática política fiscal do Goberno central e unha situación política condicionada polas forzas soberanistas”.
POLÍTICA PRUDENTE DE ENDEBEDAMENTO
“Estamos a aprobar os orzamentos máis altos da historia de Galicia, que ascenden a 12.620 millóns de euros, o que supón case 1.000 millóns de euros máis que o exercicio anterior”, dixo o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que case o 75 por cento dos orzamentos destínanse a gasto social: 39,4 por cento para sanidade; 22,1 por cento para educación; 9,2 por cento para políticas sociais; e 3,5 por cento para emprego.
Relacionado con isto, a deputada popular Cristina Sanz explicou, na súa intervención no debate das emendas ao articulado, que o gasto social ascenderá o vindeiro ano a 9.368 millóns de euros, o que supón 700 millóns máis que no 2022. “En concreto, o gasto en sanidade medra en 383 millóns de euros; o gasto en educación sube 142,8 millóns de euros; o gasto en política social, aumenta 150 millóns de euros; e os recursos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade suben un 13,52 por cento”, sinalou.
Respecto dos gastos financeiros, Pedro Puy afirmou que “a política prudente de endebedamento máis a reestruturación feita pola Consellería de Facenda en previsión da alza dos tipos de xuro fai que Galicia sexa a terceira comunidade autónoma que menos porcentaxe ten de gasto en xuros”. Ademais, subliñou que “Galicia se endebedou significativamente menos que a media das comunidades autónomas, polo que, de terse endebedado Galicia como a media, cada galego tería 2.200 euros máis de débeda que na actualidade”.
Pedro Puy situou como “unha clave para o futuro os fondos Next Generation da Unión Europea” e lamentou a decisión do Goberno central de centralizar a distribución destes fondos “e trocealo entre os numerosos ministerios”. Así mesmo, criticou “a execución lenta” que se está a facer destes fondos, para o que referiuse á recente denuncia feita pola Confederación de Empresarios de España de que só están publicadas convocatorias para o 28 por cento dos 33.000 millóns de euros previstos.
INCREMENTO DE INGRESOS A PESAR DAS REBAIXAS FISCAIS
Dentro do apartado de ingresos, o portavoz popular salientou que “crecen, a pesar das rebaixas fiscais e beneficios fiscais a disposición de todos os galegos”. En concreto, lembrou que se deflactan, con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF e se minora o tramo máis baixo do imposto sobre a renda, ao tempo que se aumentan as deducións persoal e familiar, “o que beneficiará con máis intensidade ás rendas máis modestas”.
Para rematar, e sobre as emendas presentadas polos grupos da oposición, Puy lamentou que se fundamenten en “prexuízos demagóxicos e populistas sobre as intencións do PPdeG, que desmenten na súa totalidade os datos oficiais e, o que é peor, leva a BNG e PSdeG a desmentir incluso estes datos”.
“As súas emendas presentan alternativas irreais e contrarias á lóxica económica, con importantes contradicións como pedir en Galicia o que non demandan nos orzamentos do Estado, como acontece coa deflactación do IRPF; ou con propostas contrarias entre si e contraproducentes coa situación económica”, sinalou.