Santiago, 4 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención do Grupo Socialista, a través da que se solicita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que cumpra coa planificación vixente 2015-2020 de Rede Eléctrica de España, aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy, levando a cabo todas as medidas necesarias para desbloquear este investimento e iniciar a construción dunha nova subestación para atender a demanda industrial de Balaídos e conectar a Vigo á rede de transporte de 220 kilovoltios, facilitando unha subministración eléctrica moderna con capacidade de ofrecer estabilidade ao servizo e un abaratamento da factura eléctrica.
A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique manifestou que “estamos diante dunha reivindicación totalmente xusta, porque cremos que non estamos en igualdade de condicións para competir con outros lugares de España e Europa”. “PSA Balaídos, que está sendo un referente para o grupo gracias á innovación e ao saber facer dos seus traballadores, non pode ver reducido o seu nivel de competitividade por carecer dunha subministración eléctrica axeitada”, apuntou.
Na súa intervención, Egerique lembrou que esta demanda “foi aprobada polo anterior Goberno de Mariano Rajoy, incluíndoa na planificación da rede eléctrica española para levarse a cabo no ano 2020”. Porén, lamentou que hai dúas semanas o Ministerio para a Transición Ecolóxica anunciou que rexeitaba a petición, reiterada polo Grupo PSA, de enganche ao polígono de Balaídos á rede de 200 kilovoltios, impedindo unha mellora da fiabilidade do servizo de subministración eléctrica e o abaratamento do custo da factura eléctrica.
“Non entendemos este paso atrás do Goberno de Pedro Sánchez que prexudica tanto a competitividade do tecido industrial como a calidade do servizo aos consumidores”, lamentou.
DESAFORTUNADA DECISIÓN
Así mesmo, a deputada popular salientou que o Presidente da Xunta “xa lle ten trasladado á propia ministra de Transición Ecolóxica a necesidade de conectar Vigo á rede de transporte de 220 kilovoltios, petición que consideramos prioritaria na proposta enviada a Red Eléctrica Española parao período 2021-2026 se, como parece que agora se confirma, o Goberno central a deixa definitivamente fóra da planificación actual”.
Egerique explicou que “esta desafortunada decisión do Goberno socialista terá un impacto moi negativo nun sector da automoción que en Galicia xera 22.300 empregos directos, a maior cifra dos últimos dez anos”. “Unha evolución positiva dun sector estratéxico para o presente e o futuro dos galegos, que está estreitamente relacionado aos novos proxectos e ao crecemento da produción conseguidos pola planta de Balaídos do Grupo PSA co respaldo do Goberno galego”, engadiu.