11 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a transferencia a Galicia de fondos europeos para a súa xestión directa, co obxectivo de garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos, ao igual que ten feito con outras comunidades autónomas.
O portavoz popular, Pedro Puy, criticou a ausencia de cogobernanza no reparto destes fondos, o que ten como consecuencia unha baixa execución dos mesmos e a falta de transparencia e discriminación entre as comunidades gobernadas polo PP e o PSOE.
Pedro Puy manifestou que os fondos Next Generation “representan unha oportunidade extraordinaria para impulsar a reindustrialización do conxunto de España, favorecendo o investimento, a modernización e a transformación dos sectores estratéxicos cara á nova economía dixital e verde”, polo que “desde o Grupo Popular xa vimos solicitando desde o comezo da lexislatura a transferencia directa de fondos a Galicia”.
Na súa intervención, lembrou que o Congreso convalidou, pola mínima logo de que VOX decidira absterse na votación, o 21 de xaneiro de 2021 o Real Decreto-Lei polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da administración pública e para a execución do plan de recuperación, transformación e resiliencia.
O 82% XESTIONADOS POLO ESTADO
O portavoz popular lamentou que “a centralización destes fondos é unha realidade innegable”: ata o 31 de decembro de 2022 convocáronse subvencións por valor de 23.300 millóns de euros, dos que o 82 por cento foron executados polo Administración do Estado e o 18 por cento polas comunidades autónomas. A Galicia, en concreto, tocáronse o 5,90 por cento destes fondos, “lonxe do que lle corresponde polo sistema de financiamento autonómico”, sinalou.
“O verdadeiro problema é o sistema de reparto e a ausencia de cogobernanza” destes fondos europeos, indicou Puy, quen citou dúas consecuencias principais. En primeiro lugar, a baixa execución dos fondos, xa que, segundo puxo de manifesto FEDEA, “o Goberno de España computa como executado recursos sobre os que tomou algunha decisión, pero que non chegaron ás empresas e aos proxectos tractores”. Así, este organismo sitúa a taxa de execución dos fondos nun máximo do 27 por cento.
Unha segunda consecuencia desta centralización dos fondos europeos e a falta de transparencia sobre os criterios de reparto, o que da orixe a discriminacións entre as comunidades autónomas. Pedro Puy pediu ao Goberno de Pedro Sánchez que “cambie de actitude e non siga cometendo os mesmos erros, mobilizando a totalidade dos fondos para que cheguen con axilidade e transparencia aos proxectos tractores e tamén ás pequenas empresas, como vimos demandando de forma insistente desde Galicia”.
“As comunidades autónomas teñen as competencias exclusivas en materia de industria, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica e a política monetaria do Estado; pero, a pesar disto, o Goberno de España decidiu xestionar a totalidade dos fondos que recibe da Unión Europea para fortalecer a industria, principalmente a través dos chamados PERTE, sen procurar unha coordinación estreita e efectiva coas administracións autonómicas, nin do seu deseño, nin tampouco na súa xestión”, apuntou.
MEDIDAS ADOPTADAS EN GALICIA
Neste sentido, o portavoz popular salientou as medidas de simplificación administrativa, priorización de proxectos estratéxicos ou dotación de solo empresarial adoptadas en Galicia para facilitar a execución destes fondos europeos, “que teñen permitido dispoñer de 19 iniciativas empresariais prioritarias de carácter industrial e catro proxectos industriais estratéxicos, que en conxunto suman investimentos por máis de 2.900 millóns de euros e que teñen capacidade de xerar máis de 4.200 empregos”.
Pedro Puy salientou a creación da sociedade público-privada Impulsa Galicia, a través da que puxeron en marcha proxectos tractores como a factoría de hidróxeno, que ten como socios industriais a Reganosa e EDP; a planta de biofertilizantes, que proxectan Reganosa, Repsol e Naturgy; e un avanzado data-center para xestionar os datos de case a totalidade do ecosistema empresarial galego, por parte de Ignenostrum.
Para rematar, Puy referiuse ás axudas directas concedidas polo Goberno central a varias comunidades, antes incluso de convocar os PERTES: a Cataluña e Valencia, 120 millóns para o vehículo eléctrico; 450 millóns á empresa Arcelor Mittal para executar un proxecto de hidróxeno circular en Asturias; ou o convenio coa Junta de Extremadura para destinar 52,9 millóns de euros á creación, equipamento e posta en marcha do Centro de investigación en almacenamento enerxético.
“É un sistema inxusto e politizado, porque analizando o reparto per-cápita, as comunidades autónomas gobernadas polo PP reciben unha asignación de recursos do Plan de recuperación de 413,3 millóns de euros, un 23 por cento inferior ao recibido polas comunidades autónomas gobernadas polo PSOE”, concluíu.