Santiago, 10 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular e coa única abstención do PSOE, a través da que se demanda ao Goberno central que habilite de maneira urxente os mecanismos legais correspondentes para transferir a Galicia os 700 millóns de euros comprometidos para 2019 e que aínda lle adebeda, dos que 330 corresponden ás entregas á conta de 2019, 200 millóns da devolución da mensualidade do IVE de 2017 e 170 dos incentivos por cumprir todos os parámetros de estabilidade orzamentaria en 2017 e 2018.
Pedro Puy lembrou que 530 millóns desta débeda, correspondentes ás partidas das entregas a conta e da mensualidade do IVE, “están incluídos nos orzamentos da Xunta para o presente exercicio”, polo que alertou de que a falta de abono por parte do Goberno central “pode orixinar presións para o cumprimento do déficit por parte de Galicia e problemas de liquidez na Tesourería da Comunidade Autónoma, poñendo en perigo o mantemento de Galicia como a comunidade que máis rápido paga aos seus provedores”.
“E o que podería ser peor: se a transferencia non se produce antes de que remate o presente ano podería derivar nun axuste no gasto da Comunidade galega”, alertou.
O portavoz popular lembrou que o Goberno central “ten saídas e antecedentes” para facer fronte ao abono desta débeda á Comunidade galega, como proceder á autorización de anticipos (como se fixo nos anos 2005 e 2007) ou á aprobación de decretos-lei por razóns de urxencia en materia de financiamento (do mesmo xeito que acontecera en 2016).
ANTECEDENTES E MECANISMOS
O portavoz popular manifestou que “se hai antecedentes e hai mecanismos para facer fronte a estes pagos o que queda é unha sospeita: a cuestión non se resolveu cando se aprobaban todos os venres decretos antes das eleccións, o Grupo Socialista está condicionando o pago do que lle corresponde a Galicia a un proceso de investidura que non ten que producirse para que Galicia teña estes recursos; e, finalmente, se da a circunstancia de que o Estado está a ingresar eses recursos, e algúns membros do Goberno comezan a barallar a hipótese de novas eleccións, co que a asfixia da Xunta e outras comunidades autónomas beneficiaría a un goberno en funcións que entraría nunha nova campaña electoral”.
Neste sentido, demandou coherencia aos socialistas galegos logo de que a comezos do pasado ano 2018 cualificaran de “chantaxe intolerable” ou de “quebranto” que o Goberno de Mariano Rajoy retrasara o pago das entregas a conta correspondentes a 2017, “a pesar de que daquelas finalmente se aprobaron os orzamentos e Galicia recibiu o acordado sen ningún problema”. Así, lamentou que os socialistas se abstiveran na votación desta proposición non de lei, “nunha cuestión de tanta importancia para a Comunidade galega”.
Neste sentido, lembrou que “é a primeira vez na historia da autonomía que a Galicia non se lle transfiren os recursos aos que comprometeu o Estado e á vez non hai perspectivas de que se aproben os orzamentos xerais”. “Galicia debe ter o que lle corresponde e o que ten dereito”, demandou Pedro Puy.