Santiago, 5 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único apoio do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno de España para que modifique a lexislación estatal na materia a fin de que se garanta a corresponsabilidade parental e as relacións familiares con ambos proxenitores no cese da convivencia.
A viceportavoz popular, Paula Prado, lembrou que o pasado 17 de outubro de 2017 debateuse no Pleno do Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular, asinada por case 15.000 persoas, que pedía unha regulación da corresponsabilidade parenteral e de relacións familiares no cese da convivencia.
INFORME DA COMISIÓN SUPERIOR
“Porén, e diante da dúbidas sobre a constitucionalidade desta iniciativa lexislativa porque a regulación das relacións paterno-filiais son competencia do Estado, solicitamos un informe á Comisión Superior para o estudo e desenvolvemento do Dereito Civil Galego, que confirmou que a materia non tiña a requirida conexividade con institucións previamente existentes no Dereito Civil Galego que a Constitución esixe para posibilitar a súa regulación polo lexislador galego”, lembrou.
Prado salientou que “todos os grupos fomos bastante responsables para non seguir adiante cunha lexislación que probablemente fora recorrida polo Estado ante o Tribunal Constitucional e provocar unhas consecuencias indesexables nas familias que puideran terse amparado nesta norma”.
“Pero que non apoiaramos a continuidade da tramitación daquela iniciativa lexislativa popular non implica que non esteamos de acordo en que é fundamental abordar este tema e regular canto antes esta casuística, polo que o Grupo Popular rexistrou esta proposición non de lei a través da que instamos ao Goberno de España para que modifique a lexislación estatal a fin de que se garanta a corresponsabilidade parental e as relacións familiares con ambos proxenitores no cese da convivencia”, sinalou Paula Prado.
DEREITOS DOS NENOS E NENAS
Na súa intervención, a viceportavoz popular subliñou que “falamos de dereitos dos nenos e nenas a relacionarse con ambos proxenitores, pero tamén entendemos que a conciliación e a corresponsabilidade son aspectos cruciais para a igualdade, e por iso consideramos necesario favorecer a coparentalidade e que ambos proxenitores se ocupen do coidado e educación dos seus fillos e fillas e desbotar o rol feminino do coidado”.
“O Goberno central ten competencia para lexislar e pedimos que exerza esa competencia”, demandou Paula Prado, quen lembrou que o anterior Goberno do PP “deixou feito un borrador de novo Código Civil que incorporaba a custodia compartida, polo que pedimos que o novo Goberno socialista non tire por terra este traballo que se leva facendo desde hai tempo”.