Santiago, 14 de xullo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno central que retire o recurso interposto contra a reforma da Lei de saúde de Galicia e a petición de suspensión da vixencia do artigo impugnado xa que supón un agravio comparativo respecto do decreto-lei aprobado polo Goberno de Baleares con contidos idénticos e ante o que non ten adoptado medida algunha.
?️O Goberno presenta un recurso de inconstitucionalidade sobre a reforma da lei de Saúde galega e non fai nada contra o Decreto de Baleares con artigos practicamente copiados, que relata o voceiro Pedro Puy na defensa da iniciativa hoxe no Pleno do @Par_Gal pic.twitter.com/aojvKBjV2e
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 14, 2021
O portavoz popular, Pedro Puy, explicou que “na actualidade estamos nunha nova onda da pandemia sanitaria na que a autoridade sanitaria, basicamente as comunidades autónomas, teñen que combater a pandemia coa lexislación existente, un marco orgánico parco, inconcreto e insuficiente”.
INACCIÓN DO GOBERNO CENTRAL
Neste sentido, Puy lembrou que, desde o inicio da pandemia sanitaria da Covid-19, as comunidades autónomas, encabezadas por Galicia, “están pedindo a reforma da Lei orgánica para darlle instrumentos ás autoridades sanitarias regulados que permitan aos poderes públicos combater o coronavirus”. “Lamentablemente, e pese a que nun primeiro momento se dixo que si por parte do Goberno central, non se ten modificado a lei de saúde”, a pesar de que tanto o Consello de Estado como o Tribunal Supremo teñen manifestado que a normativa vixente é insuficiente.
“Diante desta inacción do Goberno de España, moitas comunidades, non só a galega, aproveitaron a súa competencia en materia de sanidade interior para elaborar a súa propia reforma da Lei sanitaria e axustala ás necesidades de loita contra a pandemia”, indicou o portavoz popular.
A pesar de que na tramitación da proposición de Lei do Grupo Popular no Parlamento galego para a modificación da Lei de saúde os letrados da Cámara non presentaron obxección algunha ao texto, o Goberno central solicitou un informe ao Consello Consultivo sobre tres aspectos da reforma: en dous descartou totalmente a inconstitucionalidade pero nun terceiro abriu a porta á remisión ao Tribunal Constitucional para que delimitara o alcance das competencias de cada administración.
Finalmente, e sen convocar a Comisión Bilateral, o Goberno de Pedro Sánchez presentou un recurso de inconstitucionalidade contra o artigo 38,2 da Lei de saúde de Galicia pedindo a súa suspensión inmediata con dous argumentos: a capacidade de desenvolvemento da norma, cuestión que non plantexa respecto das leis de Aragón e Baleares; e o contido específico da Lei para o control da pandemia.
“A sorpresa aínda é maior cando comprobamos que o Goberno socialista de Baleares aprobou o decreto-lei de saúde pública que reproduce, sen debate parlamentario, practicamente de forma literal o texto da Lei galega recorrido e suspendido tan urxentemente”, sinalou o portavoz popular.
Deste xeito, Pedro Puy lamentou que “un problema de saúde, lexislación e instrumentos para loitar contra a pandemia converteuse nun problema político ao presentarse este recurso de inconstitucionalidade”, ante o que apuntou que “defendemos as competencias e a dignidade deste Parlamento e pedimos a retirada do recurso ou, alomenos, a finalización da suspensión do artigo 38.2”.