Santiago, 26 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España o cumprimento inmediato da sentencia do Tribunal Supremo e, en consecuencia, que faga efectiva a compensación á Comunidade galega da mensualidade do IVE correspondente a novembro de 2017, xunto cos intereses legais correspondentes. Así mesmo, pídese que se dea solución á débeda con Galicia de 170 millóns de euros en concepto de incentivos polo seu bo desempeño fiscal en 2017 e 2018. Para iso, solicítase a convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira para consensuar unha solución inmediata e articular a maneira na que o Goberno central compense o antes posible ás comunidades autónomas o IVE pendente de 2017.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lembrou que esta devolución do IVE de 2017 ás comunidades autónomas ten a súa orixe no Real-Decreto para a modernización, mellora e impulso do uso de medios electrónicos na xestión deste imposto, “a través do que se facilitaba o subministro practicamente inmediato dos rexistros de facturación e se achegaba o momento da contabilización das facturas coa realización da operación económica subxacente, unha medida que, ademais de simplificar e axilizar o cumprimento das obrigas tributarias polos contribuíntes, permite facer as comprobacións e as devolucións máis rapidamente”.
MÚLTIPLES ADVERTENCIAS DO GOBERNO GALEGO
“Porén, nas liquidacións definitivas das entregas a conta realizadas polo Goberno central en 2019 se excluíu do cálculo a mensualidade de novembro de 2017, co que se negaron a Galicia 204 millóns de euros e ao conxunto das comunidades autónomas arredor de 2.500 millóns de euros, así como outros 750 millóns de euros aos concellos, dos que 60 corresponden ás entidades locais galegas”, apuntou.
O Goberno galego advertiu desde o mes de xullo de 2018 desta situación ao Goberno central en varias ocasións, ben nas reunións do Consello de Política Fiscal e Financeira ou a través de comunicacións escritas por parte do Presidente da Xunta ou do conselleiro de Facenda á ministra de Facenda.
“Se incumpriu con Galicia e pedimos o cumprimento inmediato da sentenza, e que tamén se compense aos concellos, ao tempo que se axusten e se devolvan os incentivos polo bo desempeño fiscal dos anos 2017 e 2018”, subliñou o portavoz popular.
ESCOITAR ÁS COMUNIDADES AUTÓNOMAS
Ademais, Puy demandou “unha solución inmediata, común a todas as comunidades autónomas e consensuada no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, polo que consideramos urxente a convocatoria desta entidade para axilizar o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo”.
“O Goberno galego debe aparcar a súa intransixencia e escoitar ás comunidades autónomas, poñendo os medios para cumprir a sentenza e garantir que todos os cidadáns de España recuperen eses recursos”, engadiu Pedro Puy.
Para rematar, o portavoz popular incidiu en que “o Tribunal Supremo dixo que Galicia tiña razón e que nunca imos perder de vista que o Estado autonómico é a defensa do propio nun contexto de lealdade política, e a fidelidade ás siglas deben estar sempre por debaixo dos intereses do país”, sinalou.
Así mesmo, lembrou que no día de onte aprobouse en nunha Comisión do Congreso o proxecto de lei que penaliza os pactos sucesorios galegos, “unha nova afronta á autonomía financeira de Galicia”, polo que demandou aos socialistas que “aproveiten o debate no Senado para corrixir esta nova vulneración por parte do Goberno socialista á autonomía fiscal e ao dereito civil propio de Galicia”.