Santiago, 16 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que paralice o proceso de inclusión de todas as poboacións do lobo ibérico ao norte do Douro na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), mantendo o actual status legal das poboacións existentes nesta zona.
Así mesmo, demándase á Xunta que elabore un novo Plan do Lobo para Galicia, ao tempo que garanta o cobro de todas as solicitudes de axuda nun prazo axeitado.
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz, asegurou que o obxectivo é “continuar garantindo a coexistencia do lobo coa gandería e a viabilidade das explotacións, unha base fundamental da economía no noso rural como fonte xeradora de alimentos e ferramenta na loita contra o despoboamento”. Neste sentido, afirmou que “apoiaremos con absoluta firmeza cantas accións emprenda o Goberno galego para frear a inclusión do lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial”.
DECISIÓN CARENTE DE SENTIDO E SEN DIÁLOGO
A decisión adoptada polo Ministerio de transición ecolóxica e o reto demográfico “carece de todo sentido e está absolutamente baleira de diálogo e consenso, rachando coa procura do equilibrio entre a actividade gandeira e a conservación do lobo ibérico”, manifestou Marisol Díaz. Ademais, apuntou que esta proposta “é unha absoluta e preocupante trangallada pola unilateral e irregular tramitación administrativa, por carecer de fundamento técnico e científico, por vulnerar as competencias exclusivas das comunidades autónomas e por provocar un gravísimo dano para o sector gandeiro”.
Por estes motivos, a portavoz popular reclamou ao Ministerio que “retire esta medida, que abandone a imposición e que escoite, dialogue e consensúe, tendo en conta ademais que as súas pretensións son totalmente contrarias a outra das súas competencias: o reto demográfico”.
AXUDAS E MEDIDAS PREVENTIVAS
A nivel de Galicia, Marisol Díaz explicou que “contamos cun Plan do Lobo que garante a viabilidade desta especie no territorio galego, mantendo unha poboación estable e compatibilizando a súa presenza coa gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións”. “Un plan que ten dúas liñas de acción: as axudas para paliar os danos causados polo ataque deste animal e as medidas preventivas”, engadiu.
Respecto das axudas, sinalou que a Xunta realiza unha convocatoria anual para a indemnización de danos por causa do lobo, á que se destinaron máis de 1,7 millóns de euros desde 2016. No que respecta ás medidas de prevención nas explotacións gandeiras, o Goberno galego destinou cerca de 1,4 millóns de euros desde 2016, incluíndo a adquisición de cans de garda e defensa, mallas electrificadas e pastores eléctricos.
“Con todo, e nunha proba máis do compromiso por minorar na medida do posible o conflito social asociado ao progresivo aumento dos danos ocasionados polo lobo, o Goberno galego ven de convocar en 2021 unha nova orde de axudas dotada con preto de 650.000 euros, o que supón un 61,5 por cento máis que con respecto ao pasado ano, estimando ademais que no período 2021-2027 as axudas en materia de prevención deberán aumentar cando menos un 25 por cento”, anotou.
Marisol Díaz demandou ao BNG que “superen ese vello discurso do lobo como vítima, porque hoxe é unha especie protexida, ben asentada en Galicia, en plena expansión e cun plan de xestión específico para a Comunidade galega”.