Santiago, 6 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención do Partido Socialista, a través da que se demanda ao Goberno de España o impulso decidido á saída sur de Vigo, unha actuación estratéxica que ten acreditada a súa rendibilidade económica e social.
En concreto, demándase un cronograma viable e realista para a tramitación e execución desta infraestrutura. “Non hai vontade política por parte do Goberno central xa que esta obra non se reflicte nos orzamentos do Estado para o vindeiro ano, e, polo tanto estamos ante una discriminación total ao noroeste peninsular, neste caso a Vigo e a súa saída sur”, lamentou a deputada popular, Teresa Egerique.
Na súa intervención, Egerique lembrou que o Goberno galego e a Autoridade Portuaria de Vigo remitiron ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o pasado mes de xullo un estudo encargado pola Xunta a expertos en infraestruturas, transporte e competitividade que acredita a rendibilidade económica e social da saída sur de Vigo.
ACTUACIÓN DETERMINANTE
Esta obra consiste nunha prolongación de quince quilómetros do Eixe Atlántico, desde a Estación de Urzaiz ata a liña ferroviaria actual que vai ao sur, coa que conectaría no Porriño. O proxecto suporía un investimento próximo aos 500 millóns de euros.
Teresa Egerique considerou “determinante” esta prolongación ferroviaria para a actividade do Porto de Vigo e, polo tanto, da cidade e de Galicia, ao tempo que permitiría ordenar e racionalizar as liñas e terminais ferroviarias da área de Vigo, onde coexisten actualmente dúas estacións que captan tráficos e operan de forma paralela.
A construción da saída sur de Vigo permitiría reducir os tempos de viaxe un 15 por cento entre Vigo e Porto ou un 20 por cento entre Ourense e Vigo, ademais de eliminar transbordos, o que redundaría en beneficio de toda a área de influencia, xa que gañaría en competitividade e favorecería o desenvolvemento. Ademais, o estudo elaborado pola Xunta establece un crecemento dun 6 por cento nos movementos portuarios, o que podería supoñer en mercadorías 240.000 toneladas mais ao ano. “É dicir, impulso económico e, polo tanto, creación de postos de traballo”, dixo a deputada.
Porén, Teresa Egerique lamentou que “o interese por parte do Goberno de España é nulo, e queda demostrado pola ausencia de contestación ao estudo e a carta remitidas pola Xunta de Galicia; a partida orzamentaria presente nos próximos orzamentos do Estado para o vindeiro ano; e pola negativa do propio alcalde de Vigo, que cada día se amosa mais reacio a defender esta infraestrutura, malia facelo noutros tempos nos que presidía o Porto de Vigo”.
EMENDA DO GRUPO POPULAR NO CONGRESO
“Vigo sae moi prexudicada no cómputo de Galicia, e Galicia no cómputo de España nos orzamentos xerais do Estado para 2021”, manifestou a deputada popular, quen informou que o Grupo Popular no Congreso xa presentou unha emenda ás contas para incrementar a partida orzamentarias destinadas á saída sur de Vigo.
Teresa Egerique afirmou que “estamos nun momento crucial e ante unha oportunidade única que non debemos desaproveitar para formar parte do Corredor Atlántico para acceder aos investimentos necesarios cos fondos europeos Conectar Europa e de reconstrución Next Generation”.
“O que pedimos é, polo menos, igualdade de trato co Corredor Mediterráneo e feitos tanxibles que así o demostren”, demandou, para sinalar que “de momento só observamos un claro desequilibrio na atención do Goberno Español ao corredor e aos portos mediterráneos en detrimento do corredor e os portos galegos, da fachada atlántica, como o de Vigo”.