Santiago, 26 de maio de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, transaccionada co PSdeG e co voto en contra do BNG, a través da que se insta á Xunta a promover e dinamizar o sector da eólica mariña offshore, avaliando o asentamento de parques no contorno mariño galego garantindo que non se cause dano ás actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño.
“Coa posta en marcha de parques eólicos de densidade media na costa galega estímase que poderían crearse máis de 12.000 postos de traballo durante a próxima década”, salientou o viceportavoz popular, Miguel Tellado.
A proposición non de lei aprobada no Pleno inclúe a solicitude para a constitución dun observatorio da eólica mariña para o diálogo e o coñecemento con entidades nacionais, europeas e internacionais, que promova a realización de estudos ambientais e socioeconómicos específicos para Galicia que analicen as oportunidades e impacto que podería orixinar a implantación de parques eólicos offshore nas costas galegas. Neste sentido, tamén se pide a promoción da actividade empresarial e industrial asociada á produción de enerxía eólica mariña.
CONDICIÓNS ÓPTIMAS
Miguel Tellado lembrou que a xeración de enerxía eólica mariña “converteuse nos últimos anos unha actividade cun enorme potencial, porque produce unha enerxía limpa e renovable; porque o seu impacto paisaxístico e ecolóxico é reducido; e polo gran impulso económico que suporía para a dinamización económica e laboral de Galicia”.
“Os estudos realizados ata o momento sinalan que Galicia presenta unhas condicións óptimas para desenvolver a eólica mariña, tanto polos quilómetros de costa e os múltiples espazos mariños con condicións de vento de alta produtividade; como pola evolución das tecnoloxías, que xa permiten a instalación de parques flotantes perfectamente compatibles co resto de actividades mariñas e cun mínimo impacto ambiental”, concretou.
O viceportavoz popular engadiu que “esta iniciativa non tería sentido se afectara negativamente a outros sectores do ámbito marítimo, polo que para o Grupo Popular resulta fundamental impulsar a eólica mariña en Galicia da man do sector industrial, do marítimo-pesqueiro e das entidades e organizacións vinculadas á propia eólica mariña”.
“Deste xeito, as nosas prioridades son o diálogo, o consenso e a transparencia, para garantir que o desenvolvemento desta tecnoloxía se realice desde o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueira e a preservación do ecosistema mariño”, asegurou.
NO PACTO DE ESTADO POR FERROL
Tellado lembrou que a eólica mariña “é unha das propostas recollidas polo Goberno galego no Pacto de Estado por Ferrol, no que se propón especificamente incentivar o estudo e desenvolvemento deste sector a través dun hub de eólica offshore”. “Estamos a falar dunha proposta que podería marcar un punto de inflexión na crise que sufre a comarca desde hai décadas, impulsando tanto o sector enerxético, como o tecido industrial da comarca e o sector naval”, apuntou.
Só en 2020, as instalacións de eólica mariña deixaron máis de 28.000 millóns de euros en investimentos da Unión Europea, onde xa existen 112 parques en 12 estados membros. Os estudos europeos estiman que para 2030 a enerxía provinte desta fonte pode chegar a supoñer o 14 por cento da demanda dos estados membros, superando amplamente á eólica terrestre.