21 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que aplique a tramitación ambiental ordinaria aos proxectos eólicos de autorización ministerial para ofrecer as mesmas garantías que se esixen aos proxectos de tramitación autonómica, reforzando as súas medidas de simplificación e axilización administrativa tal e como se está a facer en Galicia.
Deste xeito, pídese expresamente que se retire, tanto do Real Decreto Lei 20/2022 como do Real Decreto 6/2022, o procedemento express para a tramitación dos proxectos eólicos, ao non garantir o principio básico de protección do territorio e crear inseguridade xurídica ás administracións e aos promotores.
A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, avogou porque desde a Xunta “se siga defendendo unha tramitación garantista e respectuosa co medio ambiente dos proxectos eólicos en Galicia, que preserve o ámbito de competencias dos organismos sectoriais e que, polo tanto, continúe coa avaliación das afeccións que na biodiversidade, na xeodiversidade, no patrimonio cultural, na paisaxe ou na saúde pública, entre outras, que estableza o órgano ambiental”.
Neste sentido, Marta Nóvoa lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “opte por unha normativa que substitúe a avaliación ambiental por un trámite de afeccións ambientais ata final de 2024, de xeito que sempre que un proxecto de enerxías renovables non estea situado en Rede Natura, en espazos naturais protexidos, en medio mariño e non implique a construción de liñas aéreas de voltaxe igual ou superior a 220 kV e lonxitude superior a 15 quilómetros unicamente será preciso presentar o estudo de impacto ambiental sen que este sexa sometido a informas dos organismos sectoriais competentes na materia”.
TRAMITACIÓN RIGOROSA E GARANTISTA
“Deste xeito, fronte a unha tramitación rigorosa e garantista co medio ambiente que desenvolve a Xunta, sometendo sempre os proxectos eólicos a unha avaliación ambiental ordinaria, o Goberno central opta por unha tramitación libre de avaliacións ambientais que non ofrece unha seguridade xurídica para a cidadanía”, sinalou a viceportavoz popular.
Nóvoa cuestionou se este proceder do Goberno de Pedro Sánchez, “que pretende ofrecer unha barra libre aos eólicos saltándose a tramitación de avaliación ambiental, ten cabida no pacto por unha enerxía eólica sostible para Galicia que os socialistas galegos defenden, avogando contra o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica”.
“O que si está claro é que vai en contra do modelo eólico que se está levando a cabo en Galicia, no que a ordenación, a planificación, a transparencia e a compatibilidade coa protección ambiental constitúen as súas principais sinais de identidade”, rematou.