Santiago, 11 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de socialistas e BNG, a través da que se opón ao Real Decreto-Lei do Ministerio de Educación que rebaixa o nivel e os requisitos para que un alumno aprobe, promocione ou titule no curso 2020-21 con independencia do número de materias suspensas.
“A calidade da educación non se consigue igualando o nivel cara abaixo, senón fomentando a mellora e a modernización do sistema educativo do conxunto de España e propiciando que cada comunidade autónoma mellore o seu sistema para sumar e non para restar”, sinalou o deputado popular Ovidio Rodeiro.
Na súa intervención, o portavoz de Educación do Grupo Popular sinalou que esta decisión do Ministerio de Educación “debe verse como unha deslealdade institucional e unha imposición, xa que non foi tratada previamente coas comunidades autónomas, nin cos sindicatos, nin coas organizacións profesionais ou educativas”.
Ovidio Rodeiro cualificou o aprobado xeral como “unha aberración pedagóxica que legaliza a ignorancia, prexudicando directamente ao alumnado porque xerará desigualdade”. “O que cremos que busca esta normativa é maquillar as estatísticas educativas, como por exemplo o número de repetidores ou o número de titulados en ESO ou en Bacherelato”, apuntou.
O portavoz popular amosou a oposición do PPdeG “a unha medida, habilitada a través dun Real Decreto-Lei, que converte unha solución puntual acordada de xeito excepcional ante a aparición da Covid-19 nunha decisión unilateral para o curso 20-21”. “A decisión do Ministerio en nada axuda a mellorar a educación, máis ben ao contrario, significa unha merma da calidade educativa e racha coa función do sistema educativo como xerador de igualdade de oportunidades, desprestixiando a educación e o traballo dos docentes, o alumnado e as súas familias, en contra da cultura do esforzo e atacando a equidade”, sinalou.
“O Ministerio de Educación confunde o necesario apoio ao alumando en tempos de pandemia cunha baixada no nivel educativo, como denuncia a práctica totalidade dos sindicatos, as asociacións profesionais e os colectivos que conforman a comunidade educativa”, engadiu.
GRUPO DE TRABALLO EN GALICIA
Rodeiro salientou que “Galicia leva anos poñendo en marcha medidas e plans que favorecen a motivación pola aprendizaxe e que proporcionan un reforzo ao alumnado máis vulnerable”. Así, estas medidas facilitaron a baixada de máis de 10 puntos da taxa de abandono escolar, pasando no ano 2009 dun 25,8 por cento a un 12,6 por cento en 2019.
Continuando con estas accións, sinalou que a Xunta de Galicia vén de crear un grupo de traballo formado por docentes e inspectores, co obxecto de elaborar unhas normas propias de desenvolvemento do decreto de aprobado xeral para atallar as súas debilidades, preservando a calidade do sistema educativo e fomentando a cultura do esforzo.
“Coa elaboración destas normas preténdese preservar a calidade e equidade do sistema educativo galego, corrixindo as evidentes debilidades do decreto, porque o alumnado galego non pode estar en risco de discriminación fronte ao alumnado doutras comunidades polo deixadez dun Goberno central que, ademais de non exercer as súas competencias, fomenta diferencias entre comunidades autónomas”, explicou.