Santiago, 25 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España a modificación da normativa sectorial en materia de costas, que permita a protección e posta en valor das construcións tradicionais preexistentes á Lei de Costas e que son elementos que contribuíron notoriamente a conformar a paisaxe característica do litoral galego.
A portavoz popular de Medio Ambiente, Marisol Díaz Mouteira, explicou que “a costa galega conta cun importante número de inmobles que actualmente están inoperativos e que non teñen a consideración de ben de interese cultural, nin están catalogados ou inventariados, pero que teñen un gran valor patrimonial”.
DOBRE MODIFICACIÓN
A Xunta de Galicia ten elaborado un catálogo de bens en servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre no que se identifican 361 inmobles con valor ambiental, patrimonial ou arquitectónico, enmarcados en cinco categorías segundo a tipoloxía construtiva: muíños, edificios con uso residencial, usos singulares, industrial e ocio e hostalería.
Díaz Mouteira explicou que “a Xunta avoga por unha dobre modificación da normativa estatal en materia de costas, que permita recuperar e darlle vida a estes inmobles: en primeiro lugar, que se modifique a disposición transitoria décima do Regulamento xeral de costas, para aclarar que o uso residencial e hostaleiro son análogos e intercambiables, tal e como ten recoñecido o propio Tribunal Supremo; e, en segundo lugar, que se cambie a disposición adicional terceira da Lei de costas, facendo extensible o réxime contemplado na mesma para os bens inmobles declarados de interese cultural a todos aqueles bens que gocen dalgún tipo de protección patrimonial, en virtude da normativa sectorial en materia de patrimonio cultural tanto autonómica como estatal”.
“Esta modificación permitiría implantar todos os usos do artigo 40 da Lei do solo de Galicia nas edificacións tradicionais existentes en servidume de protección”, salientou a portavoz popular, quen manifestou que “facer extensible ese réxime a outros bens catalogados permitiría recuperar antigas fábricas de salgadura, conserveiras e pazos, entre outros edificios de gran valor patrimonial que están afectados pola servidume de protección de costas, debendo incluírse expresamente a posibilidade de cambio de uso”.
Ademais, engadiu que a modificación do Regulamento xeral de Costas “tamén servirá para dar unha maior seguridade xurídica co fin de permitir a autorización de usos residenciais, hostaleiros, hoteleiros e recreativos, así como instalacións públicas ou privadas en construcións tradicionais anteriores á Lei de costas”.
TRASPASO COMPETENCIAS
Marisol Díaz Mouteira lembrou que “Galicia leva solicitando ao Goberno central nos últimos anos o traspaso das competencias en materia de xestión do dominio público marítimo-terrestre, unha competencia que lle permitiría exercer dun xeito autónomo e máis axeitado a política integral do litoral galego en diferentes ámbitos, como o marisqueo, o portuario ou o pesqueiro”.
“A xestión integral do litoral galego, incluíndo o dominio público marítimo-terrestre e os terreos contiguos suxeitos a limitacións e servidumes de protección, tamén permitiría minorar as posibles perdas de eficacia na administración, reduciría as demoras e inseguridade e melloraría a eficiencia no uso dos fondos económicos, así como facilitar a integración e desenvolvemento uniforme da ordenación territorial e urbanística que ten encomendada Galicia”, apuntou.