9 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que amplíe os prazos sinalados no Real Decreto-Lei 23/2020 para facilitar o desenvolvemento dos proxectos eólicos viables que proporcionen oportunidades para mellorar a calidade de vida dos galegos e a competitividade da industria galega.
Neste sentido, a viceportavoz popular, Marta Nóvoa, afirmou que a Xunta “está a favor de axilizar a tramitación dos proxectos eólicos, pero sempre analizando as condicións medioambientais”, polo que cualificou de “incomprensible que BNG e PSdeG se opuxeran ás leis de axilización administrativa aprobadas en Galicia mentres en España votan si a axilizar proxectos incluso saltándose as garantías medioambientais”.
Marta Nóvoa lembrou que o Real Decreto-Lei 23/2020 “foi unha nova improvisación do Goberno de Pedro Sánchez no ámbito da industria, xa que adoptou a decisión de xeito unilateral que non respondía a ningún tipo de imposición derivada dunha directiva europea”.
MÁIS DE 4.000 MW NOVOS
“Esta decisión do Goberno de España provocou que as solicitudes de eólicos se multiplicaran por nove e, de feito, supuxo a presentación de 144 novas solicitudes de tramitación de parques eólicos, cunha potencia asociada de máis de 4.000 MW e cuns prazos moi xustos para a súa tramitación dada a actitude de ordeno e mando que caracteriza ao Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou.
A viceportavoz popular apuntou que “a consecuencia desta decisión improvisada é que actualmente hai 125 proxectos que poden perder o seu permiso de acceso e conexión, con máis de 3.500 MW, o que supón practicamente o total da potencia eólica instalada en Galicia”.
Pola contra, Marta Nóvoa salientou que “Galicia apostou sempre por un modelo eólico garantista, sustentable e respectuoso co territorio”. “Temos un plan eólico aprobado e referendado pola Unión Europea que define onde se poden ou non colocar aeroxeneradores e a tramitación de calquera parque eólico pasa, ademais, pola avaliación ambiental ordinaria, que é a máis garantista e que consta de máis de 12 informes sectoriais”, explicou.
RESPECTO MEDIOAMBIENTAL
“Galicia leva feito os deberes, aprobando medidas de axilización administrativa plasmadas nas leis de fomento da implantación de iniciativas empresariais e de reactivación económica, co total respecto ás garantías legais, técnicas e ambientais que a normativa estatal e a autonómica ofrecen, tanto aos promotores como á sociedade”, sinalou.
Porén, lamentou que “esta planificación levada a cabo polo Goberno da Xunta viuse condicionada pola total desplanificación dun Goberno de España cuxa política de transición enerxética desordenada, inxusta e claramente ideolóxica non foi capaz de prever as consecuencias sobre a industria, as pequenas e medianas empresas, os autónomos e as familias”.