Santiago, 23 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio de BNG nin do PSdeG, a través da que se demanda ampliar as medidas de apoio e estímulo económico dirixidas aos traballadores autónomos, ao tempo que se pide ao Goberno central que paralice a reforma do sistema de cotizacións dos autónomos para negociar esta modificación cos grupos políticos e representantes destes traballadores.
En Galicia hai preto de 208.000 autónomos para os que pedimos un plan de choque,un plan de apoios ás nosas e nosos autónomos baseado en tres pilares: medidas de estímulo, reducir a fiscalidade e medidas efectivas abaraten os custos enerxía e carburantes, @BalseiroLugo pic.twitter.com/9jsNgpNkHY
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) March 23, 2022
O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, lembrou que en Galicia hai preto de 208.000 traballadores autónomos “que precisan de medidas dirixidas a garantir a súa continuidade e fortalecelos”. “Por iso, desde o Grupo Popular pedimos un plan de choque que dea continuidade ás medidas de estímulo para dar viabilidade e consolidar os proxectos empresariais, reducir a fiscalidade e abaratar os custos relacionados cos prezos da enerxía e dos carburantes”, sinalou.
“Os autónomos son un colectivo prioritario pola súa fortaleza e pola súa capacidade de xerar riqueza e emprego, polo que calquera decisión que se adopte para este sector debe encamiñarse a garantir a súa continuidade e ofrecer fórmulas de fortalecemento”, manifestou.
Porén, Balseiro lamentou que “a realidade amosa un comportamento moi distinto das distintas administracións no seu grao de compromiso cos profesionais autónomos”. Así, afirmou que “mentres a Xunta ten inxectado máis de 610 millóns de euros en axudas directas ao tecido produtivo galego, constituído nun 97 por cento por autónomos e microempresas, o Goberno de Pedro Sánchez está a provocar a súa asfixia coa suba das súas cotizacións sociais, unha decisión imposta sen comunicación previa e sen diálogo co colectivo”.
REFORMA CONSENSUADA DO SISTEMA DE COTIZACIÓNS
“Desde o Grupo Popular non negamos que haxa que reformar o sistema de cotizacións, pero consideramos que nin é o momento de facelo agora nin o que transcendeu é a reforma adecuada”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, engadiu que o novo sistema de cotizacións para autónomos “debe nacer da reflexión e do consenso, escoitando a todos os interlocutores, porque non debe permitirse que a ampla maioría dos autónomos vexa incrementados os seus custos de maneira inxusta e co único afán recadatorio”.
José Manuel Balseiro lamentou que “a falta de dilixencia económica do Goberno de España estana a pagar as clases medias e traballadoras, coa suba de impostos aos carburantes, a suba do imposto de matriculación e de circulación, e a harmonización fiscal á alza, xunto con outras medidas xa avanzadas como o establecemento de peaxes pola utilización das autovías”.
Diante desta situación, insistiu que “é imprescindible e urxente adoptar medidas de apoio ao colectivo das persoas traballadoras autónomas, que vaian acorde coas reformas emprendidas polo Goberno galego dirixidas á redución da presión fiscal, á eliminación das trabas burocráticas, á mellora das medidas de impulso ao traballo por conta propia e á posta en marcha de axudas específicas e de vías de asesoramento”.