O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Ministerio do Interior para que, a través da Dirección General da Policía, se articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita (UPA) ata chegar os 500 efectivos que deben integrar esta Unidade, de xeito que poida cumprir con normalidade as funcións que ten encomendadas.
“Nunca estivo tan mermada a Unidade de Policía Adscrita como neste momento e como nos últimos baixo o Goberno socialista de Pedro Sánchez apoiados polos independentistas do BNG”, sinalou a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado concretou que “seguiremos reivindicando o imprescindible porque, desde o último debate que tivemos no Parlamento galego sobre esta cuestión, a Unidade de Policía Adscrita a Galicia seguiu perdendo efectivos, estando neste momento en 355 dos 500 posibles, o que se traduce nunha cobertura do 71 por cento da plantilla”.
MENOR PRESENZA POLICIAL, MÁIS CRIMINALIDADE
“A realidade é que con Pedro Sánchez, Galicia sempre perde: perdemos frecuencias ferroviarias; perdemos conectividade polo mal estado das nosas infraestruturas viarias; perdemos fondos europeos, pola negativa a aplicar a cogobernanza e a súa incapacidade para xestionalos; perdemos médicos, pola negativa do Goberno central a deixarnos formar máis médicos de familia; perdemos capacidade de autogoberno, pola negativa a deixarnos xestionar o noso litoral; e perdemos efectivos de policía”, concretou.
Paula Prado lembrou que “os propios sindicatos dos corpos policiais alertan da perda de efectivos da Unidade de Policía Adscrita, que cando gobernaba o Partido Popular chegou ao seu tope máximo de 474 efectivos e agora conta con 119 efectivos menos”. “En resumo, menor presencia policial nas cidades galegas precisamente nun momento no que está medrando a criminalidade”, incidiu.
Entre as funcións da UPA están a prevención e investigación de incendios forestais, a protección de menores e de vítimas de violencia de xénero, ou a vixilancia das rutas do Camiño de Santiago e a atención aos peregrinos. “Os mesmos puntos nos que o Goberno de Pedro Sánchez demostrou a súa insolvencia, a súa incapacidade de xestión e o seu desprezo aos galegos”, dixo a viceportavoz popular.
78 AXENTES PARA 300 MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Centrándose na prevención contra a violencia de xénero, Paula Prado criticou que “a día de hoxe só haxa dispoñibles en Galicia 78 axentes para protexer a preto de 300 mulleres, ao fin e ao cabo o PSOE e o BNG xa demostraron que están máis do lados dos agresores sexuais que das vítimas”.
“Só así se entende que aprobaran e defenderan unha lei tan nefasta como a do ‘si é si’, que rebaixou a pena a máis de 1.200 violadores e sacou da cárcere a máis de 120”, lamentou a viceportavoz popular, que engadiu que “todos os días temos unha nova sobre as nefastas consecuencias da lei máis lesiva da democracia contra os dereitos das mulleres, aprobada por ese bloque de partidos que din chamarse de progreso e defensa dos dereitos humanos, do que PSOE e BNG forman parte”.