19 de setembro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta á Xunta a continuar impulsando iniciativas dirixidas a incentivar o consumo de produtos do mar, ben a través de campañas de promoción dirixidas a todos os segmentos da poboación ou con axudas á cadea mar-industria, nomeadamente un PERTE específico para facilitar a adaptación dos produtos ás demandas da cidadanía e ás novas necesidades do mercado.
Por último, tamén se pide ao Goberno central que rectifique a súa posición actual e non exclúa aos peixes, mariscos e conservas da rebaixa do peixe do IVE que se aplica a outros alimentos básicos.
A deputada popular Paula Mouzo lembrou que, segundo un informe elaborado por Kantar, o consumo de peixe caeu un 12 por cento no último ano: a metade deste descenso débese á caída nos volumes de compra, mentres que o outro 50 por cento correspóndese coa menor frecuencia de compra dos consumidores.
ERRO LAMENTABLE DO GOBERNO CENTRAL
“Na análise das causas que poden estar detrás deste descenso no consumo de produtos do mar, un factor determinante foi a inacción e a falta de apoios a este sector por parte do Goberno que preside Pedro Sánchez, porque fixo oídos xordos ás demandas que desde Galicia e desde o propio sector pesqueiro reclamaban que non se excluíse aos peixes, mariscos e conservas da rebaixa do IVE”, sinalou.
Paula Mouzo considerou “lamentable” que o Goberno de España “reincida nese erro e non se entende cando é algo que apoian tanto a Comisión Europea como o Parlamento Europeo”.
Ademais, criticou que o Goberno de España “deixou fóra das axudas do PERTE agroalimentario á cadea mar-industria, o que resulta certamente curioso cando a transformación de produtos do mar é expoñente e tractor de aspectos que di defender este instrumento”.
A deputada popular destacou que a Xunta “leva moitos anos facendo os deberes no eido da promoción e do apoio á cadea mar-industria”, ao tempo que lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez non está a realizar coa intensidade necesaria campañas de promoción do consumo de produtos do mar e de difusión dos seus beneficios para a saúde”.
ESTABILIDADE ADMINISTRATIVA
“A liña de traballo a seguir debe ser a promoción polo Goberno galego con campañas de promoción, institucionais e do sector, dirixidas a diferentes segmentos de poboación, como Galicia sabe Amar ou Vai de Peixe, ou a celebración de foros para dar a coñecer os beneficios do consumo de peixe na saúde e para o conxunto da economía”, explicou Mouzo.
Para rematar, manifestou que “o sector pesqueiro galego require máis estabilidade administrativa e unha posta en valor constante da súa condición de provedor de alimentos esenciais na dieta, ao tempo que de iniciativas dirixidas á reactivación do consumo impulsadas por todas as administracións, que resulten beneficiosas para os consumidores como para as perspectivas de crecemento do sector”.