Santiago, 22 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a intensificar a colaboración cas entidades locais que integran a rede de concellos en contra da violencia de xénero, de cara a conseguir unha maior efectividade dos recursos e procurar desenvolver conxuntamente accións no ámbito da sensibilización e a prevención; da información sobre os recursos e servizos existentes; da formación, tanto de profesionais como de persoal político; e da asistencia ás vítimas.
A portavoz de Igualdade, Marián García Míguez, situou “o traballo conxunto como pulso contra a violencia de xénero, e de aí esta proposición non de lei dirixida a intensificar a colaboración coas entidades locais que integran a rede de concellos contra a violencia machista”. Neste sentido, lamentou que En Marea, PSdeG e BNG rexeitaran apoiar esta proposta “en positivo, co único obxectivo de amosarlle á sociedade galega que estamos todos os grupos parlamentarios apoiando ás vítimas de violencia de xénero”.
178 CONCELLOS ADHERIDOS Á REDE
García Míguez explicou que as mesas locais de coordinación institucional contra a violencia de xénero “son un instrumento operativo onde están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero”.
“Os seus obxectivos son moi concretos: a detección precoz dos casos; optimizar a coordinación dos axentes implicados; ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas; mellorar a protección nos casos que presenten alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á sociedade”, concretou.
Na actualidade, a rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero conta con máis de 178 concellos adheridos, dos que 67 teñen constituída a mesa local de coordinación
CUMPRIR CO PACTO DE ESTADO
Por outra banda, o Grupo Popular tamén apoiou no Pleno a aprobación dunha proposición non de lei do Grupo Socialista a través da que se solicita ao Goberno central que cumpra e axilice na medida do posible os prazos establecidos para a implantación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ao tempo que poña en funcionamento as medidas adoptadas, especialmente aquelas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas, as súas fillas e fillos.
Nesta proposición non de lei tamén se incorpora a solicitude ao Goberno central para que de maneira urxente active e traslade as partidas orzamentarias acordadas para a execución dos acordos do Pacto de Estado ao conxunto das administracións implicadas: comunidades e cidades autónomas, deputacións provinciais, cabidos insulares e concellos.