Santiago, 28 de marzo de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a avaliar as consecuencias e circunstancias do proxecto de explotación mineira San Rafael, situado nos concellos de Touro e O Pino, desde o total garantismo legal e o rigor na execución do procedemento, de forma que se salvagarde o total respecto ao contorno, o estrito cumprimento da legalidade vixente e se dote de todas as garantías urbanísticas, medioambientais e técnicas
Así mesmo, a iniciativa solicita ao Goberno galego que garanta o cumprimento do plan de labores e o seguimento e vixilancia de calquera impacto medioambiental que se puidese producir como consecuencia do resultado actual da explotación da mina.
O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco subliñou que “o Goberno galego está a cumprir escrupulosamente coa lei e recabando todos os informes necesarios, para o que se dirixiu ata a 15 organismos e institucións competentes”. “Ademais de todos estes informes, a actividade está suxeita a declaración de impacto ambiental e as instalacións precisan a autorización ambiental integrada”, engadiu.
O MÁIS ESTRITO POSIBLE
“Porén, con esta iniciativa parlamentaria incidimos en que o Goberno galego sexa o máis estrito posible no cumprimento das diferentes normativas, para que non quede dúbida ao respecto nin nos veciños nin noutros sectores ou entidades que poidan estar preocupados”, dixo Blanco.
O deputado popular convidou aos grupos da oposición “a falar en serio da minería e por unha vez deixar de lado a lexítima loita partidista para apostar por un sector que xa é importante, pero pode selo aínda máis, para a economía de Galicia”.
Moisés Blanco sinalou que “ás veces a conexión da minería coa actividade cotiá non é de todo ben entendida pola sociedade, pero o máis preocupante é que non sexa entendida polos distintos representantes políticos”. “Porque, como estamos a ver, algúns partidos teñen a tendencia a sinalar ás empresas por determinadas actividades que desenvolven, ben por prexuízos ideolóxicos, cálculos electorais ou simple descoñecemento”, lamentou.
LEI DO BIPARTITO DO PSOE E BNG
Así mesmo, lembrou que a tramitación deste proxecto mineiro nos concellos de Touro e O Pino faise “seguindo a lei de minería aprobada en tempos do Goberno bipartito de PSOE e BNG, quen na súa etapa outorgou máis de 100 permisos de investigación e 43 concesións de explotación”. “Con estes antecedentes, á imposible entender a negativa de socialistas e nacionalistas a todo o que sexa minería sustentable en Galicia”, apuntou.
Blanco indicou que na actualidade o conxunto dos sectores extractivos xera en Galicia 6.000 postos de traballo directos e outros tantos indirectos, achegando o 1,05 por cento do PIB. Ademais, abastece á sociedade galega de preto de 10 millóns de toneladas de materiais de construción e 1,5 millóns de materias primas para a industria e ou sector agropecuario, representando o 8 por cento dá produción total do Estado.