Santiago, 24 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia deu luz verde hoxe por unanimidade á proposición non de Lei presentada polo Grupo Parlamentario Popular que solicitaba a aprobación dunha Lei de Igualdade Salarial para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres: “É unha prioridade e pedimos que o Goberno de España a aprobe canto antes e, mentres non o fai, que se incremente a dote de recursos suficientes á inspección laboral co fin de perseguir calquera discriminación que por razón de xénero se produza no ámbito de traballo”.
Así mesmo, a deputada popular Paula Prado resaltou no Parlamento a necesidade de reclamar ao Executivo de Pedro Sánchez a modificación e actualización da Lei de Conciliación e Corresponsabilidade de 1999 onde se teña en conta a nova realidade demográfica, a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida persoal e familiar.
Estas dúas peticións estaban incluídas na iniciativa parlamentaria na que os populares, ademais, pediron á Xunta fomentar en colaboración coas entidades locais medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorpore a perspectiva de xénero; impulsar en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, e dentro do marco do Diálogo Social, a aprobación de novas medidas que incentiven a corresponsabilidade e a conciliación, a través de Plans específicos, incentivando no ámbito laboral novas modalidades de traballo flexibles; fomentar en colaboración coas organizacións sindicais e empresariais, e dentro do marco do Diálogo Social, a implantación de Plans de Igualdade nas empresas; realizar un Plan de sensibilización e concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable así como horarios máis racionais; realizar un estudo, en colaboración coas universidades galegas, que analice o reparto do traballo doméstico e ter en conta na elaboración das medidas a denominada “interseccionalidade”.
Cómpre apuntar que esta iniciativa foi transaccionada cos grupos da oposición e engadíronse dous novos puntos. Por un lado, procurar a paridade en todos aqueles centros de xestión da pandemia nos que se toman decisións; e, nos traballos actuais de avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, aplicar indicadores do impacto da COVID-19 no ano 2020, antes de rematar o actual período de sesións, e do resultado de dita avaliación, modificar as medidas que sexan necesarias para o último tramo do período de vixencia do Plan actual así como aquelas que se inclúan no novo Plan.
A deputada incidiu na necesidade de chegar a un consenso nunha cuestión que só busca a incorporación das mulleres ao mercado laboral pois a permanencia no emprego e as súas condicións de traballo aínda están lonxe de producirse en condicións de igualdade. Ademais, remarcou que non van conquerir a plena igualdade ata que os homes se incorporen plenamente ao coidado da familia e ás tarefas domésticas, en igualdade de condicións que as mulleres e con absoluta corresponsabilidade.
O COMPROMISO DA XUNTA
Paula Prado destacou o compromiso do Goberno da Xunta nesta cuestión prioritaria e lembrou as axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) en empresas, unha orde que en 2020 contou con dous millóns de euros e para a que xa se traballa para dar continuidade en 2021.
Igualmente resaltou as axudas para o apoio da conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma -en 2020 orzamentáronse 800.000 euros- e as destinadas ao fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e nas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, que contempla subvencións para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.