Santiago, 22 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que renuncie ao bombeo de auga desde o río Verdugo ao río Oitavén, por estar acreditada como unha medida cun alto impacto e completamente ineficaz para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra.
Neste sentido, demándase que inicie a tramitación ambiental para avaliar a viabilidade do conxunto de medidas propostas no estudo realizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o abastecemento a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra; declare o abastecemento á cidade de Vigo de interese xeral do Estado; e convoque unha xuntanza cos concellos afectados polas actuacións propostas e coa Xunta de Galicia para explicar e achegar información pormenorizada sobre as alternativas propostas e sobre as súas previsións de actuación.
A deputada popular Teresa Egerique salientou que “actualmente o abastecemento a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra está garantido, polo que do que se trata é de achegar solucións que resolvan calquera problema de abastecemento futuro no horizonte do ano 2070”.
PROBLEMA DA POTABILIZADORA
Porén, explicou que unha das conclusións ás que chega o estudo realizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, financiado polo Goberno galego, o Concello e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, é que o principal problema de abastecemento de Vigo era a potabilizadora municipal, “unha diagnose que xa fixera Augas de Galicia en 2017 cando, estando o encoro de Eiras ao 37 por cento, o abastecemento á poboación estaba en risco porque a potabilizadora non podía garantir a súa calidade”.
“Os feitos quítanlle a razón ao alcalde e danlla á Xunta: en Vigo, a día de hoxe, non hai un problema de cantidade de auga senón de calidade de auga, polo que hai un problema de xestión”, dixo a deputada popular.
Teresa Egerique manifestou que o bombeo do río Verdugo ao río Oitavén “nin é necesario nin suporía ningunha solución nun momento de escaseza, e levaría aparellado un maior gasto enerxético e podería resultar incompatible co Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, pois en episodios de seca o volume de auga de ambos ríos queda reducido ao caudal ecolóxico”. “En conclusión, esa solución non achegaría o volume de auga suficiente en época de escaseza, polo que non parece que sexa a opción máis eficaz de cara a garantir o abastecemento de Vigo e da súa área de influencia, posto que non existe garantía de subministro, como queda acreditado no estudo de alternativas elaborado pola Confederación Hidrográfica”, apuntou.
AVALIAR DE FORMA OBXECTIVA E RIGOROSA
Ademais, dixo que “será a Confederación Miño-Sil, como autora do estudo, a que debe avaliar de forma obxectiva e rigorosa a viabilidade ambiental das intervencións que propón”, xa que sinalou que “a magnitude e complexidade das solucións propostas requiren dunha planificación orzamentaria salientable e dunha tramitación administrativa e ambiental moi longa e complexa, que aínda non se iniciou”.
A deputada popular lembrou que o Goberno galego “xa solicitou formalmente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica unha reunión con todos os alcaldes afectados para que dea explicacións, con total transparencia e profesionalidade, sobre o contido dese estudo de alternativas que capitaneou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.
“A petición da Xunta é coherente e só pretende que os concellos afectados dispoñan de información detallada e de primeira man”, dixo Egerique, quen lamentou “a falta de interese por parte do Goberno central para explicar aos concellos e á cidadanía a súa proposta”.