15 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que garanta a cogobernanza real e efectiva coas comunidades autónomas na estrutura de gobernanza do ecosistema industrial español, ao tempo que xestione fondos Next Generation para a industria que eviten poñer en risco os principais proxectos tractores desenvolvidos desde Galicia, nun marco que favoreza a complementariedade das accións públicas e privadas.
A portavoz popular de Industria, Cristina Sanz, lembrou que na actualidade o Goberno de Pedro Sánchez está a tramitar o anteproxecto de Lei de industria, unha iniciativa lexislativa que “sorprendentemente se somete ao trámite de información pública antes de trasladalo ao pleno da Conferencia Sectorial de Industria, na que participan, con voz e voto, as comunidades autónomas”.
COMPETENCIA RECOLLIDA NO ESTATUTO
Na súa intervención, Cristina Sanz explicou que a actividade industrial é unha competencia recollida no Estatuto de Autonomía, “sobre a que nos últimos dez anos se teñen aprobado unha serie de leis dirixidas a converter a Galicia nun bo lugar no que desenvolver unha actividade industrial”. “Estamos a falar dun paquete lexislativo que ten como obxectivo favorecer a competitividade da industria existente en Galicia e impulsar a realización de novos proxectos de investimento ou de proxectos que supoñan a ampliación ou modernización das actividades económicas existentes”, engadiu.
“Compartimos a necesidade de abordar unha reforma da lexislación estatal en materia de industria, que data do ano 1992 e é previa a toda a dixitalización, sostibilidade e aproveitamento da economía circular”, manifestou a portavoz popular. Pero indicou que “o que non compartimos é o xeito en que se está facendo esta nova lexislación, nin o contido dalgunha das propostas”.
Diante desta situación, Cristina Sanz lembrou que “a Xunta fixo os deberes e presentou ante o Goberno de España unha serie de alegacións que espera sexan tidas en conta na redacción do texto definitivo do proxecto de lei, porque consideramos que se debe contar coas comunidades autónomas para a súa redacción, invade competencias atribuídas ás comunidades e vulnera materias xa reguladas no ámbito autonómico”.
EMENDAS PRESENTADAS POLA XUNTA
En concreto, a portavoz popular explicou que un grupo de alegacións solicitan que se respecten as competencias que ten atribuídas a Comunidade galega a nivel de política industrial. En segundo lugar, respecto á protección da industria electrointensiva, o novo texto lexislativo parte dunha redacción pouco ambiciosa e alégase para que se adopten as medidas e modificacións necesarias no estatuto electrointensivo que permitan desenvolver un marco enerxético competitivo para a industria, en igualdade de condicións con outros países europeos.
A Xunta tamén fai propostas respecto á figura dos proxectos de interese xeral, porque podería supoñer a exclusión dos principios de competencia e coordinación propios do Estado autonómico. E, por último pídese a modificación e reordenación dos procesos de reindustrialización, como a inclusión expresa neste ámbito dos concellos incluídos en zonas de transición xusta ou o establecemento dun prazo concreto para a resolución da procedencia do inicio do proceso de reindustrialización.