Santiago, 23 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Concello de A Coruña a cesión dos espazos no mercado de Santa Lucía para a construción do novo centro de saúde, de xeito que se axusten ós requirimentos necesarios para unha asistencia sanitaria óptima para os veciños e veciñas que acoden o Centro de Saúde Federico Tapia.
O deputado popular Gonzalo Trenor lembrou que a necesidade de mellora dos espazos nos que actualmente se presta a asistencia sanitaria de atención primaria no centro de saúde da rúa Federico Tapia motivou que en outubro de 2014 se formalizara un protocolo de cooperación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o Concello da Coruña.
BASES ESTABLECIDAS NO PROTOCOLO
Nese protocolo establecéronse as bases para o estudio de viabilidade de novos usos sanitarios do recinto do mercado municipal de Santa Lucía e concluíase que esta localización era a máis apropiada pola súa proximidade ao actual centro de saúde, pola dispoñibilidade de espazos, polo apoio dos veciños a esta mellora e pola compatibilidade de manter os postos de traballo dos praceiros.
“Poucas veces coñecín un Goberno local que puxera todos os obstáculos posibles para que outras administracións non investiran no seu concello”, afirmou o deputado popular, quen engadiu que, “desde o primeiro minuto, o alcalde dedicouse a enganar, mentir, confundir e facer propostas absurdas coa única finalidade de bloquear a construción do centro de saúde”.
CAMPAÑA DE ENGANOS E ABSURDOS
Neste sentido, Trenor lamentou que “o alcalde leva dous anos cunha campaña de enganos e absurdos, unha campaña de desinformación que vai desde dicir que mantén o proxecto inicial namentres actúa en sentido contrario ou dicir que o centro de saúde se faga en vertical en vez de en horizontal, nas plantas 5ª, 6ª, 7ª e 8ª dun edificio anexo”.
“Obviamente a proposta da Marea de construílo nun espazo minúsculo de 8 plantas e con acceso que non supera os tres metros de ancho non aproba o estudo funcional dos técnicos do SERGAS, xa que para facer un centro de saúde necesítase un espazo adecuado cunhas condicións de accesibilidade óptimas”, apuntou.
Diante desta situación, a Xunta de Galicia, a través do SERGAS, “tivo que recordarlle ao alcalde que a necesidade de mellorar a asistencia sanitaria do centro de Federico Tapia non é un capricho e os obstáculos que se poñen desde o Concello prexudican á poboación asignada a este centro médico”.
O deputado popular engadiu que “logo de ter aos veciños mareados, á Administración sanitaria facendo estudos de viabilidade das propostas e logo de mentir e darlles falsas esperanzas aos praceiros, a Marea licitou un proxecto para reformar o edificio pola porta de atrás e sen diálogo, impidindo a construción do centro de saúde e incumprindo o acordo asinado polo Concello”.
Gonzalo Trenor tamén criticou que o Concello “se negara a recibir aos veciños, que se viron obrigados a facer unha campaña de recollida de sinaturas en apoio da construción do centro de saúde en Santa Lucía, a través da que recompilaron máis de 2.000 apoios”. “Éncheselles a boca todos os días falando de farsa participación, pero cando teñen que decidir entre o que queren na Marea e o que queren os cidadáns véselles a súa faciana”, apuntou.