Santiago, 30 de xaneiro de 2019.- O Parlamento Galego aprobou este mércores unha iniciativa do Grupo Popular na que se suma á Xunta na demanda ante o Goberno Central dun marco enerxético estable para a industria electrointensiva galega.
Nela propóñense medidas consensuadas co sector como: a implantación inmediata dun Estatuto da Industria Electrointensiva na que se debe definir os diferentes tipos en base á electricidade e aos períodos nos que a consomen; o abaratamento dos custes de transporte; a convocatoria das axudas compensatorias por custos de emisións de CO2; a exención do custo regulado correspondente aos pagos por capacidade; a elaboración dun estudo das perdas técnicas que soportan estas industrias; así como a petición de que estas medidas se apliquen con carácter retroactivo desde o primeiro día deste ano.
O viceportavoz popular Miguel Tellado solicitoulle ao Goberno Central que abandone o “Modo Falcon”, isto é: “que deixe de sobrevoar por riba dos problemas esperando que se resolvan sos ou que llelos solucione outra administración”. Neste sentido, apuntou que “nós cremos que gobernar é algo ben distinto a estar no Goberno por estar. Gobernar é tomar decisións, facerlle fronte aos problemas e buscar solucións; e isto dista moito de como está a afrontar Pedro Sánchez os problemas da nosa industria”.
Tellado lamentou que o Goberno de España só convocou unha poxa que cobre o primeiro semestre deste 2019, na que adxudicou menos bloques de 40 megavatios á industria electrointensiva e reduciu máis dun terzo a asignación polo servizo de interrompibilidade. Deste xeito, entende que “nin sequera se executou a partida prevista para este ano, así que non temos enriba da mesa nin sequera unha solución provisional, nun momento no que non necesitamos solucións provisionais, senón solucións que despexen o horizonte alomenos no medio prazo”.
PERMANENCIA DE ALCOA E FERROATLÁNTICA
No mesmo sentido, lembrou que esta non é unha preocupación nova para o Goberno galego, nin para a maioría parlamentaria que o sustenta, xa que antes do verán e, por tanto, antes do anuncio de peche de Alcoa, tanto o presidente Feijóo como o conselleiro de Industria transmitíronlle aos representantes do Goberno Central a necesidade de definir un marco enerxético estable que permita á industria ser competitiva nos mercados internacionais.
Tellado insistiu en que desde o Grupo Popular apóstase pola permanencia de Alcoa, como tamén de Ferroatlántica ou do resto de empresas electrointensivas que dan emprego a 5.000 persoas na Comunidade galega. “Nós non somos coma os partidos que din preocuparse polo emprego e a industria do país e logo celebran o suposto éxito de que pechen as empresas, ou de que outras decidan non instalarse no noso chan” sinalou, para insistir en que “desde o PPdeG cremos no emprego, na industria, nos nosos traballadores; e cremos que só preocupándonos dos nosos sectores produtivos podemos conseguir que Galicia sexa unha terra de presente e de futuro”.