14 de marzo de 2023. O Partido Popular volverá insistir mañá na necesidade de traspasar a AP-9 durante a reunión no Congreso da Ponencia encargada de debater a transferencia da titularidade e competencias desta autopista a Galicia, máis de dous anos despois da toma en consideración da súa tramitación e despois de 17 meses de bloqueo por parte de PSOE e Podemos.
Nesta reunión os grupos parlamentarios deberán pronunciarse sobre os traballos necesarios para a elaboración do informe sobre a Proposición de Ley Orgánica de transferencia de la titularidad y competencias de la autopista AP-9 a Galicia, que chegou ao Congreso tras recibir o apoio unánime do Parlamento de Galicia e co amparo da Constitución e do Estatuto de Autonomía.
O inicio da tramitación desta proposición na Cámara Baixa data de decembro de 2019, aínda que non foi ata febreiro de 2021 cando se aprobou –cunha ampla maioría de 287 deputados– a súa toma en consideración e se encomendou o Ditame sobre a mesma á Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
A partir deste momento, tal e como denuncian os populares, a iniciativa lexislativa chegou a acumular ata 15 prórrogas “acordadas sistematicamente polos representantes de PSOE e Podemos-Galicia en Común”. Finalmente, en setembro de 2021 constituíuse a Ponencia, pero non volveu convocarse unha reunión da mesma ata o día de mañá, 15 de marzo de 2023.
Por parte do Grupo Parlamentario Popular, exercen como poñentes os deputados galegos Jaime de Olano e Celso Delgado. Este último denunciou en varias ocasións “a reiterada e inxustificable paralización e obstaculización desta iniciativa por parte dos grupos que conforman o Goberno”.
UN TRASPASO ACOMPAÑADO DOS RECURSOS ECONÓMICOS NECESARIOS
Os populares rexistraron un total de seis emendas a esta proposición de Lei Orgánica coas que pretenden “garantir que o traspaso da autopista veña acompañado dos recursos necesarios para que funcione de forma efectiva como un factor vertebrador territorial, de calidade de vida e de competitividade económica”.
Neste sentido consideran imprescindible blindar no texto legal “a dotación dos recursos económicos para unha óptima xestión da infraestrutura”, para evitar que se converta “nunha carga económica para a Administración autonómica” no que se refire a cuestións como o custo das bonificacións ou a financiación das obras precisas. Do contrario, equivalería “a condenar aos galegos a pagar dúas veces a autopista, pola vía dos peaxes e pola dos recursos públicos”.
Para os populares esta transferencia debe incluír tamén “os recursos necesarios para manter durante todo o período concesional un sistema de bonificacións que contribúa a paliar o impacto das peaxes nos usuarios e reducir o agravio que sofre Galicia en relación co resto do territorio español”.
O BNG NON PRESENTOU NINGUNHA ENMENDA Á PROPOSICIÓN DE LEI
Pola súa banda, as emendas presentadas polo PSOE apostan por desactivar a transferencia da titularidade e das competencias e limitala a unha “transferencia de competencias sobre a administración e a explotación”. É dicir, que a titularidade da AP-9 quede en mans da Administración Xeral do Estado, como ata agora.
Para os populares estas emendas “supoñen unha rebaixa substancial das pretensións da proposición aprobada no Parlamento de Galicia por unanimidade”. Neste sentido, remarcan: “Isto non é o que queremos os galegos. O que queremos os galegos é unha AP-9 plenamente galega, sobre a que decidamos desde o territorio”.
O BNG nin sequera presentou emendas, renunciando así a mellorar o texto aprobado na Cámara autonómica. “Esperamos que polo menos os nacionalistas respondan ao interese xeral de Galicia e apoien as emendas do Partido Popular que permiten blindar na lei que a transferencia se traduza nunha xestión da autopista máis xusta para Galicia e para os galegos. Non se entendería que apoiasen os posicionamentos restritivos dos socialistas”, conclúen.