Os deputados pontevedreses, Michel Fidalgo e Felisa Rodríguez, avanzaron hoxe que o Partido Popular presentará mocións en todos os concellos do litoral, solicitando ao Goberno de España que amplíe o prazo de consulta pública previa, e que informe e detalle o alcance real que se require dar á modificación do regulamento de Costas para coñecer os verdadeiros efectos e, deste xeito, poder presentar achegas que permitan solucionar os problemas que afectan a cada concello.
Segundo explicou Michel Fidalgo, o pasado 4 de febreiro, o Goberno central iniciou o trámite de consulta previa para levar a cabo unha modificación do Regulamento Xeral de Costas, aprobado por o Real Decreto 876/2014, de 10 de outubro. Publicou o inicio deste proceso na web do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sen previo aviso ás comunidades autónomas con competencias na xestión e ordenación do litoral nin aos axentes sociais e económicos afectados.
Ademais, nesta consulta pública previa fixaron o prazo mínimo que establece a Lei para presentar achegas, polo que só se contou con 15 días para reaccionar ante este atropelo, rematando este prazo o pasado 19 de febreiro. Na consulta pública previa, o Ministerio só xunta un documento moi xenérico no que non se especifica o que o Goberno de España pretende facer co litoral.
“É necesario exixir un maior prazo para a presentación de aportacións – o Executivo central limitou a consulta pública previa a 15 días, o prazo mínimo recollido na lexislación para este trámite- e tamén coñecer todos os detalles e fins desa pretendida reforma lexislativa”, precisou Michel Fidalgo.
O deputado autonómico indicou que “é preocupante esta falta de lealdade institucional, escurantismo e falta de transparencia, e máis se cabe nun asunto que afecta a milleiros de persoas que viven ou traballan na costa. Galicia ostenta lexitimamente as competencias sobre o litoral galego e, por iso, non se pode permitir que o Goberno de España pretenda de xeito unilateral repetir o que xa leva intentando sen éxito desde 2018”, indicou o deputado Michel Fidalgo.
Na mesma liña, a deputada Felisa Rodríguez manifestou o compromiso do Partido Popular e dos concellos afectados en defender o litoral porque “é clave para o desenvolvemento económico e social da nosa comunidade.
“Agora temos que lamentar outro intento de escurantismo e reclamamos ao Goberno que aporte toda a información sobre o que pretende facer, así como que aclare o que realmente lle pide Bruxelas. A Xunta demandou información en varias ocasións sobre o contido do expediente de infracción aberto pola Comisión Europea, pero non hai resposta”, denunciou Felisa Rodríguez.
A deputada autonómica reiterou o compromiso da Xunta de defender un marco normativo claro, estable e previsible, reclamando lealdade institucional, participación efectiva das comunidades autónomas e que calquera reforma se basee en informes técnicos rigorosos e no respecto á realidade do litoral galego e da súa cadea mar-industria.