Paula Prado lamenta que non se poida confiar no Goberno central, pois Sánchez, a ministra de Transportes e Isabel Pardo de Vera “só veñen a Galicia para facer falsas promesas” que non se materializan nas Contas públicas
O PP presentará unha emenda proposta por José Manuel Rey para que a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña dispoña dos fondos necesarios nos Presupostos Xerais do Estado de 2023. Así o anunciaron hoxe en Ferrol a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o candidato do partido á Alcaldía desta cidade, que explicaron que a formación pedirá unha partida “viable” para o proxecto de modernización da liña e para a construción do baipás en Betanzos.
En declaracións a medios de comunicación realizadas na estación de tren de Ferrol, onde estiveron acompañados polos senadores Juan Juncal e Verónica Casal, Prado sinalou que a cidade non pode seguir contando cun transporte ferroviario “do século XX”, criticando que que o Goberno de España continúe desconectando Galicia e esquecendo a moitas das cidades galegas.
Nese senso, precisou que as Contas públicas presentadas polo Executivo de Sánchez recollen unha “partida ínfima” para o tren que une Ferrol coa Coruña, o que o converte nun proxecto que “non é realista”, malia tratarse “dunha infraestrutura estratéxica para a cidade e para a comarca”.
Segundo lembrou, a ministra de Transportes prometeu en marzo un investimento importante en Ferrol que, meses despois, non se cumpriu. Así mesmo, recordou que a galega Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, recibirá hoxe unha medalla de ouro en Vigo. “Nós dariámoslle a medalla á desconexión de Galicia co resto do territorio”, engadiu.
“Non podemos confiar no Goberno de España, nin en Sánchez, nin na ministra de Transportes, nin moito menos en Isabel Pardo de Vera, que só veñen a Galicia para facer falsas promesas que non se materializan nos Orzamentos Xerais do Estado”, subliñou.
O PROXECTO DE JOSÉ MANUEL REY
Así mesmo, a número dous dos populares galegos puxo en valor o traballo de José Manuel Rey, que ofrece un proxecto “pensando nos ferroláns, na actividade económica e no emprego para que Ferrol volva ter o brillo e o orgullo que merece”.
Tras sinalar que a cidade viviu os seus mellores tempos con gobernos do PP, lamentou que hoxe estea “abandonada e paralizada”, insistindo en que o próximo mes de maio a urbe debe recuperar “o brillo que nunca debeu perder”: “Ferrol volverá ser do PP e José Manuel Rey será o alcalde que merece esta cidade”.
MÁIS E MELLORES INFRAESTRUTURAS PARA FERROL
Pola súa parte, José Manuel Rey, afirmou que a modernización do ferrocarril é unha demanda unánime de todos os partidos políticos da cidade, mesmo do alcalde, Ángel Mato, que no ano 2019 presentábase ás eleccións asegurando que rebaixaría o tempo entre Ferrol e A Coruña a 30 minutos —un traxecto que segue durando na actualidade unha hora e vinte, a pesar de que a ambas as cidades sepáranas 60km—. “Ao longo deste tempo o único que observamos son palabras, informes, pero ningún feito, e xa comprobamos o caso e o peso político que o PSOE de Ferrol ten en Madrid”, dixo.
Como indicou, nos Orzamentos aparecen reflectidos 164.000 euros a executar neste ano 2022 —cando non se fixo nada— e para o ano 2023 consignan unha partida similar, 179.000 euros, cantidade “insignificante” unida aos 28.000 euros do baipás de Betanzos: “Todo isto o único que demostra é que se trata máis dun anuncio electoral que dunha realidade”.
“Reclamamos sempre, e así o seguiremos facendo goberne quen goberne, un investimento importante para modernizar e dotar a Ferrol de máis e mellores infraestruturas de comunicación”, apuntou Rey Varela, que aproveitou a presenza da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, para pedirlle tamén que a Xunta de Galicia cumpra con Ferrol. “Non quero que o meu partido lle faga a Ferrol o que lle fixo Pedro Sánchez a esta cidade cos Orzamentos do Estado, reclamarei para Ferrol o que se merece”, destacou.
“Pedín ao meu partido que presente unha emenda aos PGE para que se defina o proxecto polo que imos optar para a modernización da liña Ferrol-A Coruña, o investimento e unha programación plurianualizada para non perder outro ano máis. Esperamos que o PSOE de Ferrol se sume, non se trata de quitar medallas ou gañar eleccións, senón de sacar adiante os temas polos que levamos pelexando desde hai anos”, resaltou.
Igualmente, manifestou que o ano que vén finaliza o mandato en Ferrol e no Estado e “o balance é que non investiron nin un só euro na infraestrutura ferroviaria Ferrol-A Coruña”: “Os representantes públicos deben actuar con solvencia, agora atópanse que o seu propio Goberno deulles cero euros. O traballo dos Orzamentos faise no verán para que veñan recollidas as partidas e hai que chamar ao presidente do Goberno e aos ministros para pedir para a túa cidade”.
Mentres o estado discrimina a Ferrol, Rey Varela lembrou que a Consellería de Infraestruturas ten listo o proxecto de estación intermodal, pero a día de hoxe o convenio segue sen asinarse por parte do Concello: “É un tema estratéxico para o proxecto de cidade, non só para gañar aparcadoiros e zonas verdes, senón tamén porque sen estación non pode chegar a alta velocidade a Ferrol. Fai falta un novo mapa de vías e unha nova estación”.
“O tren para Ferrol é moi importante non só para a cidade, senón tamén para a conexión co porto para o tráfico de mercadorías. Por iso, esperamos que a emenda que imos presentar conte co apoio do PSOE”, sentenciou.