11 de febreiro de 2023. O Partido Popular de Galicia alerta de que A Coruña é a provincia galega onde máis delincuentes sexuais víronse beneficiados pola Lei do ‘só si é si’. E é que desde a entrada en vigor desta lei, producíronse 16 rebaixas de pena que suman en total case 30 anos menos de cárcere para estes delincuentes sexuais.
Unhas cifras que puxo de manifesto esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acompañada do candidato do PP á alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo; durante a concentración que tivo lugar xunto á Delegación do Goberno na capital herculina para reclamar a Pedro Sánchez e aos seus ministros que pidan perdón ás vítimas “por aprobar unha lei chafalleira sendo conscientes de que ía ter estas consecuencias”.
A número dous dos populares galegos recriminou neste sentido ao Goberno que, a pesar das advertencias por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos deputados do Partido Popular e de numerosos xuristas de prestixio, fixese “oídos xordos” e antepuxese a súa ideoloxía “por encima dos dereitos fundamentais das mulleres”.
Paula Prado considera que toda a situación derivada da aplicación desta lei está a ser “moi dolorosa” para todas as vítimas que ven como se rebaixan as penas aos seus agresores ou mesmo saen á rúa: “Estamos fartos e xa non se pode soportar tanta indecencia por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.
Referíndose á visita da secretaria de Estado de Igualdade á cidade da Coruña o mesmo día que a Audiencia Provincial rebaixaba a pena a dous agresores sexuais, Paula Prado cualificou de “indecencia” esta visita e sobre todo as palabras da alto cargo galega pedindo “seriedade” á hora de abordar este tema.
“O que non é serio é rirse das vítimas tomándose a broma as rebaixas de pena a delincuentes sexuais. O que non é serio é que o Goberno siga enredado en liortas internas e xogando ao pasapalabra mentres ninguén pide perdón. O que non é serio é que por uns trens que non entran nos túneles haxa cesamentos inmediatos e que por esta chapuza lexislativa aínda non se asumiran responsabilidades, nin cesado a ninguén”, afirmou antes de concluír volvendo reclamar “xa non a rectificación da lei, senón o perdón ás vítimas”.
MIGUEL LORENZO: “NO FUTURO As PENAS DEBEN SER MÁIS DURAS”
Pola súa banda, o candidato do PP á alcaldía da Coruña quixo trasladar a súa solidariedade cara a “todas as mulleres que se están vendo desprotexidas por un Goberno que prometía ser o máis feminista e acabou sendo o que máis lexislou contra a muller”.
Miguel Lorenzo denunciou neste sentido que máis de 500 persoas condenadas por delitos sexuais en toda España viron rebaixadas as súas penas como consecuencia da aplicación da Lei do ‘só si é si’. “Actualmente hai máis de 40 delincuentes sexuais en liberdade”, salientou.
Facendo referencia á iniciativa presentada polo Partido Popular nas Cortes Xerais para modificar esta lei, o tamén senador pola Coruña explicou: “Somos conscientes de que os prexuízos desta lei son xa irreparables porque os delincuentes non van volver ao cárcere nin se lle van a aumentar as penas, pero queremos que polo menos no futuro as condenas para este tipo de delitos sexan máis duras”.