Santiago, 24 de maio de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, apelou hoxe aos grupos da oposición para que traten os problemas provocados polas xeadas nos viñedos das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras, Ribeiro e Ribeira Sacra “coa prudencia e cautela necesaria sobre os danos ocasionados, porque unha visión excesivamente alarmista pode ter efectos negativos nos mercados dos nosos viños”.
José González afirmou que o Goberno da Xunta e o Grupo Popular “estamos a traballar con rigor a favor dos viticultores, impulsando desde o primeiro momento diferentes liñas de axuda destinadas a mitigar os efectos das xeadas”. En concreto, manifestou que “desde que se produciron as xeadas houbo dúas preocupacións fundamentais: avaliar os danos ocasionados ao tempo que tratar de concienciar aos viticultores da necesidade de levar a cabo os traballos de repoda e demais labores necesaria para conseguir que as cepas rebroten”.
O portavoz popular sinalou que “fronte ás proposicións non de lei defendidas hoxe polos socialistas e nacionalistas, o Grupo Popular xa ten rexistrada a súa propia proposición non de lei, que prevé sexa aprobada no Parlamento nos vindeiros días, con nove medidas específicas para paliar os danos ocasionados polas xeadas, que van desde bonificacións fiscais e nas cotas á Seguridade Social aos viticultores, ata préstamos a tipo cero de interese ou subvencións dos sistemas de prevención da xeada, ademais de incidir noutras medidas que xa se están levando a cabo pola Consellería”.
VALORACIÓN INICIAL
Así, sinalou que logo dunha valoración inicial realizada pola Consellería do Medio Rural constatouse que as xeadas afectaron na denominación de orixe Monterrei ao 90 por cento do territorio, entre o 60 e o 70 por cento en Valdeorras, o 30 por cento no Ribeiro e o 20 por cento na Ribeira Sacra. “Trátase dunha valoración inicial, pois os danos realmente causados non se poderán cuantificar con exactitude ata que non saibamos as uvas que traen as cepas rebrotadas”, apuntou.
José González tamén se referiu aos traballos de asesoramento aos viticultores realizados nestas últimas semanas, con charlas informativas por parte de persoal técnico, recomendacións técnicas da Estación de Viticultura e enoloxía de Galicia sobre as actuacións a realizar nas viñas afectadas ou o asesoramento sobre as técnicas a seguir para a recuperación das zonas afectadas polas xeadas.
AXUDAS HABILITADAS
En relación coas axudas, o portavoz popular subliñou que a Xunta xa aprobou destinar 10 millóns de euros á bonificación dos tipos de xuro e axudar na instrumentación das garantías requiridas polas entidades bancarias. “O obxectivo é reducir a custe cero o tipo de xuro dos préstamos concedidos polas entidades financeiras ás bodegas e viticultores para refinanciamento de pasivo ou acceso a circulante, en definitiva, dotalos de liquidez”, explicou.
Así mesmo, dixo que “vanse habilitar 1,4 millóns de euros nunha liña de axudas para reconversión e reestruturación do viñedo naquelas explotacións que teñan que reimplantar as súas viñas por causa das xeadas”.
González Vázquez amosou a “preocupación polo escaso número de explotacións que tiñan contratado o seguro contra a xeada nas zonas afectadas, un problema que temos que resolvelo de cara ao futuro para evitar situacións como as que se produciron este ano”. Neste sentido, subliñou que “chama a atención que os sindicatos que agora protagonizan as manifestacións non tiveran en conta moita preocupación por este tema, tendo en conta que poden ser tomadores dos seguros”.