Santiago, 18 de decembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou esta tarde no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Industria que desenvolva un novo plan de competitividade do automóbil que teña o foco en Galicia en porcentaxe, como mínimo, similar á súa capacidade produtiva.
Ao mesmo tempo, demándase ao Goberno galego a posta en marcha de maneira inmediata, en colaboración coas asociacións do sector, dunha estratexia de colaboración coas empresas do sector automobilístico galego para garantir a súa presencia importante na convocatoria do Programa Reindus, dotado con 400 millóns de euros e cuxo prazo remata o 31 de xaneiro de 2019.
Na súa intervención, o deputado do Grupo Popular, Moisés Rodríguez Pérez, puxo en valor a política de impulso do Goberno galego á industria do automóbil. Así, destacou os 150 millóns de euros de investimento a este sector nos últimos anos.
Recordou que, dentro da estratexia que a Xunta ten para este sector, está en marcha xa o terceiro plan para a mellora deste eido industrial, porque, tal e como salientou Rodríguez, o obxectivo non é outro que o de seguir creando emprego. Así, dixo que Galicia acumula tres anos consecutivos de crecemento en vendas, en postos de traballo e tamén en investimentos. “O ano pasado, este sector facturou a mellor cifra da última década, case 8.700 millóns de euros; creou 2.650 novos empregos, chegando aos preto de 30.000 traballadores; e duplicou o investimento, con 245 millóns de euros, para seguir adaptándose aos cambios que a industria 4.0 esixe”, salientou o deputado popular.
REFERENTE
Nesta mesma liña, apuntou que a industria galega do automóbil é un referente. Neste senso, incidiu nos 650 millóns de euros que a factoría está a investir para converterse en fábrica intelixente.
Moisés Rodríguez lamentou as mentiras da oposición e acusou a En Marea de pintar unha Galicia que nada ten que ver coa realidade, senón coa “imaxinaria das Mareas de Podemos”. Fixo fincapé no informe da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións, que sitúa a Galicia entre as tres comunidades líderes en produción de vehículos.
“A industria galega xa representa máis do 15% da fabricación nacional”, insistiu Moisés Rodríguez, quen engadiu que o camiño a seguir é continuar coa aposta clara e decidida polo futuro deste sector, contribuíndo así á transformación económica de Galicia e fixando novos fitos que fagan da ‘marca Galicia’ un maior referente.
Por último, amosouse sorprendido pola preocupación agora dos grupos da oposición polo emprego e o tecido empresarial de Galicia. “Nós non cremos que haxa industria de primeira e de segunda”, dixo Rodríguez Pérez. “Nós non queremos –continuou- o peche de Alcoa nin tampouco o de Ence, nin queríamos o peche de Elnosa, nin queremos o das centrais das Pontes e Meirama, non queremos pechar Reganosa e, por suposto, non queremos pechar PSA”.