O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central a creación dunha base marítima permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte. Porén, a deputada popular Paula Mouzo lamentou que o BNG vetara a emenda do PPdeG para que esta iniciativa parlamentaria incorporara outras medidas, como solicitar a modernización e reforzo dos medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira, ampliar a dotación de medios persoais e materiais empregados polo Goberno de España na loita contra o narcotráfico ou garantir a plena operatividade horaria do persoal do SVA para non comprometer a execución de operacións contra o narcotráfico.
Paula Mouzo incidiu que desde o PPdeG “apoiamos a creación dunha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte”, pero criticou que a proposta do BNG “non é todo o ambiciosa que debería para atender as demandas dos traballadores deste servizo para atallar un verdadeiro problema social”. “Queremos ser máis concretos e demandar unha solución máis efectiva, pedindo que se adopten medidas útiles, ambiciosas e, ao mesmo tempo, factibles”, concretou.
REVISIÓN INTEGRAL
“É necesario demandar ao Goberno de España máis compromiso con Galicia”, subliñou a deputada popular, quen anunciou o rexistro no Parlamento de Galicia dunha iniciativa na que se incorporan todas as demandas que hoxe foron rexeitadas polo BNG, “porque consideramos necesario e urxente que haxa unha revisión integral de todos os medios persoais e materiais que temos para loitar contra o narcotráfico no litoral da provincia de A Coruña e en toda a costa galega”.
A deputada popular manifestou que “se todos coincidimos que temos medios obsoletos, teremos que pedir a modernización e o reforzo dos medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia, porque a situación actual pide unha proposta máis ampla e completa para atallar un verdadeiro problema social, e pide facelo dun xeito construtivo”.
MEDIOS MÁIS ANTIGOS E OBSOLETOS PARA GALICIA
Paula Mouzo criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “estea dotando de medios para a loita contra o narcotráfico a outras comunidades pero non a Galicia”, e puxo como exemplo a Andalucía. “A nós parécenos un acerto que Vixilancia Aduaneira sume medios máis modernos alí onde se necesitan, como é o caso de Alxeciras, pero ao mesmo tempo están enviando a Galicia medios máis antigos e obsoletos que non queren noutras bases ou directamente non nos envían nada”, apuntou.
“O único que lle pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez é que a distribución de medios non veña condicionada pola necesidade da vicepresidenta Montero de apuntalar as súas malas perspectivas electorais en Andalucía”, rematou.