Santiago, 18 de outubro de 2018.- A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero, asegurou hoxe que “en Galicia non se está a producir unha proliferación de vivendas de uso turístico gracias a que se está a ordenar con éxito este fenómeno”. Neste sentido, referiuse ao decreto 12/2017, polo que se establece a ordenación de apartamentos e vivendas de uso turístico en Galicia, que “brinda un marco de seguridade, contribúe a aportar cartos ás arcas públicas, loita contra a competencia desleal e posibilita aos concellos que regulen este uso da vivenda, sendo a única normativa autonómica avalada integramente pola xustiza”.
No debate dunha proposición non de lei sobre os pisos turísticos de Santiago, Cristina Romero lembrou que todos os grupos da oposición se opuxeron no seu momento á regulación das vivendas turísticas en Galicia, polo que “resulta curioso que veñan agora esixindo xa unha modificación do decreto aprobado en 2017 que non aporta nada novo”.
Cristina Romero cualificou de “barbaridade” que En Marea fale de máis de 3.000 vivendas turísticas que se ofertan en Compostela, porque “se fora certo a metade das vivendas do casco histórico serían de uso turístico”. “Están a confundir o número de establecementos existentes co número de prazas ofertadas”, concretou.
Así, afirmou que “o único certo é que en toda Galicia temos regularizadas 7.100 vivendas de uso turístico, das que 421 están rexistradas en Santiago e ofertan máis de 1.900 prazas”. “Se o Concello ten constancia ou detecta vivendas sen rexistrar o que ten que facer é denuncialo inmediatamente ante a Xunta para que esta actúe conforme as súas competencias”, sinalou.
ESPECIALISTAS EN XERAR PROBLEMAS
A portavoz popular manifestou que “os gobernos locais das Mareas son especialistas en xerar problemas onde non os hai, e non solucionar ningún dos existentes con esas receitas máxicas coas que enganaron á cidadanía”. No caso de Santiago, lembrou que “o primeiro que fixeron ao chegar ao goberno en 2015 foi unha moratoria para novos establecementos de aloxamento turístico no casco histórico, que afecta a estas vivendas de uso turístico que se deron de alta no rexistro da Xunta de Galicia e ponas nunha situación de indefensión e inseguridade xurídica”.
“Esta situación se podería ter evitado se o goberno de Compostela Aberta rematase a revisión do plan especial do casco histórico que xa deixou contratado no ano 2014 e no que xa se estaba traballando”, explicou.
A deputada popular lembrou que o propio decreto xa recolle que os propios concellos no ámbito das súas competencias poden limitar o establecemento de vivendas de uso turístico se así o consideran”. “No caso de Santiago, este instrumento é o plan especial, que é o que regula os usos do parque construído”, concretou.