Santiago, 10 de setembro de 2019.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, asegurou hoxe no Parlamento que “Galicia conta xa cunha ampla lexislación urbanística e ambiental que permite tramitar axeitadamente e con plenas garantías a instalación de proxectos de tratamento de residuos, avaliando os posibles impactos e determinando se as propostas empresariais poden saír adíante”.
Deste xeito, afirmou que a Xunta “non outorga nin outorgará autorización a ningún proxecto no caso de que haxa o máis mínimo incumprimento ou irregularidade”, polo que pediu á oposición que “actúen con responsabilidade e non alarmen á poboación de xeito innecesario e partidista”.
Gonzalo Trenor manifestou que “temos leis, temos procedementos administrativos e temos un réxime sancionador, pero aos grupos da oposición dálles absolutamente igual”. “Segundo o día, a oposición propón unha cousa ou a contraria, pero lamentablemente o que empeza a ser habitual é que soliciten ao Goberno galego que actúe de forma arbitraria e que se cumpra ou non a lei segundo lles conveña”, apuntou.
TRAMITACIÓN CONFORME Á LEI
Na súa intervención no Pleno, o portavoz popular explicou que, cando hai solicitude para un proxecto, a Xunta “fai a tramitación da mesma conforme ao procedemento establecido pola lei para garantir a protección ambiental”. Así, indicou que “os proxectos de plantas de residuos non os analiza a consellería, nin o grupo maioritario do Parlamento, senón que o fan os técnicos e detrás hai un inxente traballo técnico e humano”.
Trenor lembrou que a Lei do Solo inclúe, entre os usos do solo rústico, as instalacións de tratamento de residuos, “algo que non é novo porque xa o incluía a Lei de 2002”. Neste sentido, engadiu que “será a través das normativas sectoriais que os órganos competentes establezan no seu caso como se fixen as limitacións esixibles de distancias e asentamentos de poboacións ou vivendas”.
Así mesmo, o portavoz popular referiuse ao Plan de xestión de residuos industriais de Galicia (Priga), “a folla de ruta que deben seguir as actividades de xestión de residuos industriais e que conta cun anexo específico no que se recollen os criterios de actuación das futuras plantas, establecendo que a súa localización debe estar en consonancia cos instrumentos de planificación do territorio”.
RIGOR E SERIEDADE
“Por iso, á hora de avaliar a localización destas plantas hai que ter en conta que, preferentemente, deben localizarse en emprazamentos onde a actividade de recuperación de residuos xere menor impacto, garantindo ademais a compatibilidade da nova infraestrutura cos usos existentes e a contorna mediante a aplicación das medidas correctoras que se requiran”.
En definitiva, Gonzalo Trenor asegurou que “en Galicia contamos cos instrumentos normativos necesarios e axeitados para a tramitación dos proxectos de plantas de residuos, que xa teñen demostrado a súa efectividade”. “O que hai que facer é traballar con rigor e seriedade, con total garantía para a protección medioambiental e seguridade para os galegos e galegas”, apuntou.