O Partido Popular de Galicia celebra o remate dun ciclo electoral con catro eleccións e catro grandes triunfos, que se materializou nunhas cifras que ratifican o bo momento do partido: case 2 millóns e medio de votos, 151 alcaldes e alcaldesas, 1.775 concelleiros e concelleiras, 13 deputados nacionais, 14 senadores, 40 deputados autonómicos, o Goberno de Galicia e, desde o pasado domingo, dous eurodeputados en Bruxelas.
Nunha rolda de prensa ofrecida na sede autonómica do partido, a secretaria xeral Paula Prado contrapuxo así a estabilidade e o sentidiño polos que optaron os galegas e galegas ao longo deste ano fronte ao balance que presenta a oposición: “Un BNG que non deixou de enganar, unha Ana Pontón que segue perdendo eleccións, un PSOE que non cesou nas súas liortas internas e unha Yolanda Díaz que segue destruíndo partidos”.
“Elección tras elección demostramos que, cando se lle pregunta aos galegos e galegas nas urnas, somos a súa resposta”, engadiu facendo referencia ao lema de campaña dos recentes comicios europeos nos que “Galicia volveu pedirlle a España e a toda Europa responsabilidade, bo goberno e progreso”.
Todo o contrario, asegurou, do que exemplifica o PSOE e o que significa o Goberno de Sánchez, que “volveu tirar de trilerismo lexislativo para presentar a Lei de Amnistía xusto despois das eleccións”. De aí que Paula Prado non dubidase en afirmar que “Sánchez debe rematar máis pronto que tarde unha lexislatura que nunca debeu empezar”.
Centrándose no PSdeG, a secretaria xeral dos populares galegos afeoulles o “papelón” de ter que escoller entre “seguir apoiando a estafa a Galicia ou apostar polo futuro da nosa Comunidade”. Dúas cousas que “xa se demostrou que son incompatibles”.
O ESCANO GALEGO DO BNG CONVERTEUSE NUN ENGANO GALEGO
“As opcións nacionalistas e identitarias que triunfan noutros lugares non o fan aquí porque somos galegos, españois e europeos. Sen tensións nin disxuntivas”, manifestou Prado referíndose a un BNG que, na súa opinión, “adiantou as rebaixas de verán cun desconto dos seus votos á metade respecto ás autonómicas e un desconto no tempo de uso dun escano medio galego, medio catalán”.
Acusou neste sentido ao Bloque de “estafar” reiteradamente aos galegos logo de “mentir sobre o seu programa nas eleccións autonómicas, ocultar aos seus socios de papeleta durante a campaña das europeas e esconder o seu reparto de tempos co independentismo catalán”. Por todo isto, concluíu, Ana Miranda “non merece” representar a Galicia no Parlamento Europeo: “O seu escano galego converteuse nun engano galego”.
O PARTIDO CON MÁIS CONCELLEIRAS E MÁIS ALCALDESAS
A secretaria xeral do PPdeG anunciou tamén que esta fin de semana celebrarase na Cidade da Cultura un acto no que se reunirá a concelleiras do partido en toda Galicia para reivindicar que “somos o patido con máis concelleiras (700) e máis alcaldesas (29) de Galicia”.
O acto será inaugurado polo presidente Alfonso Rueda e as concelleiras protagonizarán unha mesa redonda sobre o traballo que “as fixo protagonistas da vitoria do PPdeG nas municipais”. “Xuntas celebraremos os catro triunfos electorais e seguiremos escribindo, tamén en feminino, a historia de Galicia”, concluíu.