3, xaneiro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, celebrou que, na evolución anual, a nosa Comunidade sitúase a niveis de desemprego inferiores a hai dez anos, con 15.718 parados menos, o que supón unha baixada do 8,50%.
Logo de coñecerse os datos do pasado mes de decembro, subliñou que nos posicionamos como a terceira Autonomía na que máis se reduce o paro, en termos relativos, superando ao conxunto do Estado en máis de dous puntos e rexistrando así seis anos de baixadas consecutivas, desde decembro de 2013. “Unha vez máis, Galicia demostra o valor da súa estabilidade, a mesma que lle permitiu aprobar os Orzamentos en tempo e forma, unha situación moi afastada da que vive España, chea de incertezas e con parálise nos investimentos por falta dun Presuposto”, destacou.
“O que toca agora é seguir evolucionando polo bo camiño na creación de emprego”, dixo o número dous do PPdeG mentres remarcaba que, para isto, o Goberno galego continúa traballando para cumprir cos obxectivos da Axenda 20. Nese senso, lembrou que se reforzou o orzamento de 2019 en materia de emprego e formación nun 7%, para seguir creando máis e mellores postos de traballo, dando resposta, a través dunha formación dual e flexible, aos retos do futuro.
Ademais, indicou que en 2019 seguirase impulsando programas pioneiros que xa se puxeron en marcha e que están dando bos resultados como as Unidades Formativas na Empresa, activarase un novidoso plan para dar unha segunda oportunidade aos mozos sen cualificación, e continuarase prestando maior atención aos colectivos que máis o precisan con plans específicos para as mulleres, a mocidade, os parados de longa duración e as persoas en risco de exclusión social. “Como mostra deste compromiso do noso Goberno autonómico, xa se aprobaron, para este ano e por anticipado de gasto, máis de 40 millóns de euros en programas de emprego”, remarcou Tellado.
Neste sentido, contrapuxo o que ocorre en Galicia, onde goberna a responsabilidade e a coherencia cunha folla de ruta económica clara e identificable; co que acontece no conxunto do Estado, onde se sofre “a continua improvisación dun Executivo central que, en pouco máis de medio ano, parece ter como única misión rachar con todo o bo que a sociedade acadou nos últimos anos”.
“Lamentamos unha soa contratación en 2018: a de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España”, manifestou engadindo que o socialista dedícase a dilapidar a herdanza de creación de emprego que recibiu do Executivo de Mariano Rajoy.
UN EMPREGO MÁIS ESTABLE
Así mesmo, o secretario xeral tamén salientou a estabilización do emprego en Galicia, indicando que aumenta un 2,1% o número de afiliados e que se supera o millón de cotizantes por primeira vez nun mes de decembro desde 2009. Deste modo, encadéanse sete meses por riba do millón de afiliacións e catro anos e medio de subidas consecutivas achegándonos ao obxectivo da Axenda 20 de crear 80.000 empregos no mandato.
Igualmente, sobe a contratación en xeral, medrando a indefinida – superando a media española en máis de cinco puntos e medio- e a tempo completo. “Os datos ratifican que imos pola senda correcta a nivel cuantitativo, pero tamén a nivel cualitativo, xa que cada vez hai máis postos de traballo e estes son de mellor calidade”, aseverou.
Por último, Miguel Tellado puxo en valor que, na evolución mensual, rexistráronse un total de 1.074 desempregados menos, tratándose do segundo ano consecutivo no que Galicia descende o desemprego nun mes de decembro, rompendo a tendencia xeral de subida de toda a serie histórica.