Santiago, 10 de marzo de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular, transaccionada tanto co BNG como co PSdeG, para impulsar o traballo das mulleres científicas en Galicia, a través da avaliación do II Programa de Muller e Ciencia e a elaboración dunha terceira edición deste programa.
A viceportavoz popular, Paula Prado, manifestou que “somos conscientes da importancia da muller na esfera científica e da investigación en Galicia”. Deste xeito, indicou que o II Programa galego de muller e ciencia 2016-2020 “tivo como finalidade avanzar na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación, co obxectivo de conseguir un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico que permita acadar resultados tanxibles e duradeiros aproveitando tanto o talento das mulleres como dos homes”.
AVALIACIÓN DA EXECUCIÓN
“Nestes momentos, a Xunta está realizando unha análise pormenorizada do desenvolvemento e grao de execución do II Programa galego de muller e ciencia que permita ter unha avaliación real do grao de cumprimento dos obxectivos, que será fundamental como base para poder iniciar os traballos e estudos conducentes a unha diagnose e posterior redacción da terceira edición deste programa”, explicou.
Así mesmo, o Grupo Popular incorporou á proposición non de lei a solicitude para que a Xunta introduza as accións necesarias, mesmo se fora preciso modificando a normativa vixente, para garantir a incorporación e participación na Unidade de Muller e Ciencia das entidades e colectivos representativos do ámbito investigador galego.
PROGRAMAS CON RESPALDO ORZAMENTARIO
Paula Prado salientou que “os programas e plans realizados pola Xunta teñen un respaldo orzamentario suficiente”. En concreto, lembrou que o orzamento da Xunta para investigación en 2021 sitúase en 228 millóns de euros, duplicando así os recursos investidos en 2014. Ademais, subliñou que “Galicia acadou en 2019 os niveis máis altos de toda a serie histórica en diferentes variables da actividade de I+D: Investimento (627,3 millóns de euros), persoal (11.085 persoas) e investigadores (6.724).
“Un traballo conxunto entre administracións, universidades, centros de coñecemento e empresas privadas, que ten o seu reflexo nun incremento na última lexislatura do 24,5 por cento do investimento en I+D, sete puntos máis que a media do Estado; e unha suba do 18,34 por cento do persoal dedicado a estas actividades, seis puntos máis que a nivel nacional”, dixo.
A viceportavoz popular subliñou que nestas cifras “destaca que hai máis mulleres empregadas en I+D (4.567) e investigadoras (2.739) en Galicia que en toda a serie histórica dende 2003, acadando un peso maior que a media estatal (41,2% e 40,8%, respectivamente)”.