Santiago, 4 de decembro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, considerou hoxe no Parlamento que “non é axeitado regular mediante lei algo que é voluntario, como a integración na organización e na actividade empresarial das preocupacións sociais e ambientais”. Porén, salientou que “en Galicia xa temos moito camiño andado” e lembrou a existencia da Lei de racionalización do sector público autonómico, na que se establece a posibilidade por parte da Xunta de incluír cláusulas sociais nos seus procedementos de contratación, ou a aprobación da guía para unha contratación pública socialmente responsable.
Paula Prado lembrou que “non é a primeira vez que debatemos e lexislamos neste Parlamento sobre responsabilidade social” e referiuse á aprobación en 2013 da Lei de racionalización do sector público autonómico, “que todos os grupos da oposición votaron en contra e non tiveron a sensibilidade que amosan ter hoxe coas cláusulas sociais para empresas privadas”.
Esta norma recolle, no se artigo 25, que, “co obxecto de promover unha contratación pública ecolóxica e socialmente responsable, os poderes adxudicadores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público deberán ter en conta criterios sociais e de sustentabilidade ambiental ao deseñar as especificacións técnicas e administrativas do contrato”. Tamén no artigo 26 sinálase que a Xunta deberá de facer unha reserva dunha porcentaxe de contratos para empresas de inclusión social, “a pesar da emenda de supresión deste artigo que no seu día presentara A Marea e que contara co apoio de PSdeG”.
“En desenvolvemento desta lei, o Consello da Xunta aprobou en setembro de 2015 a guía para unha contratación pública socialmente responsable, na que se contemplan cláusulas modelo para introducir nos pregos de contratación”, apuntou a viceportavoz popular.
TRABALLO COS AXENTES SOCIAIS
Paula Prado engadiu que na actualidade a Xunta segue a traballar cos axentes sociais nas melloras para a implantación destas cláusulas, ao tempo que ten previsto elaborar uns modelos de pregos que servirán para facer de uso común este tipo de cláusulas en toda a contratación pública autonómica.
Así mesmo, Prado salientou que “a Xunta foi pioneira en 2012 na creación dun grupo de representación empresarial galego na responsabilidade social empresarial para, en colaboración coas nosas grandes empresas, acompañar ás pequenas e medianas neste camiño”.
“O Goberno galego asume que a responsabilidade social é clave para a competitividade das empresas e para a creación dun emprego de calidade ao abeiro dun crecemento sostido a corto, medio e longo prazo”, asegurou Prado, quen citou medidas como os programas Xeración responsable ou Responsabilízate; os premios RSE Galicia; o banco de ideas dentro do Observatorio RSE Galicia; as axudas para a obtención de certificacións de normas ou estándares de RSE, elaboración de plans de igualdade e medidas de conciliación laboral; ou o deseño dunha estratexia galega de responsabilidade social empresarial.