Santiago, 3 de febreiro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco criticou hoxe “a covardía” do Grupo Común da Esquerda ao retirar do Pleno de mañá unha proposición non de lei sobre o proxecto de explotación da mina de Touro, logo de que a Xunta considerara negativa a declaración de impacto ambiental desta iniciativa empresarial.
“Dedicáronse todo este tempo a desinformar e a enganar á opinión pública, utilizando todas as canles ao seu alcance, e mesmo trataron de enfrontar a uns veciños con outros, cos traballadores da empresa e desacreditando ás institucións só para conseguir un puñado de votos”, apuntou. Ademais, salientou que a Consellería de Industria esixirá aos responsables da empresa a actualización do plan de restauración e que, polo tanto, inicie a súa tramitación administrativa.
Moisés Blanco afirmou que o Grupo Popular, desde o debate da primeira iniciativa que se trouxo ao Parlamento de Galicia, “sempre mandou unha mensaxe de tranquilidade sobre este proxecto porque o Goberno galego, sen posicionarnos nin a favor nin en contra porque consideramos que a súa tramitación debería realizarse conforme á Lei de minas aprobada na etapa do Goberno bipartito da Xunta, garantindo que o proxecto mineiro só se autorizaría se cumpría estritamente a normativa vixente”.
ABSOLUTO RIGOR NA TRAMITACIÓN
“O proxecto tramitouse con absoluto rigor, tanto no eido mineiro como medioambiental e urbanístico, prevalecendo, como non podía ser doutro xeito, o cumprimento estrito da normativa en vigor”, sinalou o deputado popular. De feito, foron dous informes da propia Xunta de Galicia os que levaron a esta decisión final: o de Patrimonio Natural e o de Augas de Galicia.
Deste xeito, lamentou que desde o Grupo Común da Esquerda “faltáronlle ao respecto aos funcionarios e traballadores públicos, respecto ao seu traballo, eficaz e independente, pretendendo dicirlle desde o Parlamento como tiñan que ser os seus informe, totalmente intolerable e inaceptable nun estado de dereito e democrático”.
Moisés Blanco lamentou que o Grupo Común da Esquerda “decidira, unha vez que se fartou de demagoxia e hipocrisía política, retirar a súa iniciativa sobre a mina de Touro do Pleno de mañá, porque tería sido unha magnifica oportunidade para falar dun sector tan importante do que dependen en Galicia preto de 3.500 empregos directos e supón unha facturación de 250 millóns de euros”
SORPRESA COS SOCIALISTAS
Así mesmo, Blanco amosou a súa sorpresa coa actitude do Grupo Socialista, “quen durante todos estes anos non presentou ningunha iniciativa no Parlamento galego sobre o proxecto da mina de Touro, optando no 90 por cento dos debates pola abstención e defendendo o cumprimento da Lei de Minería que fora aprobada polo goberno bipartito no 2008”.
“Deste xeito, Gonzalo Caballero debería de informarse e respectar o traballo dos seus compañeiros no Parlamento, e comezar por respectar o estrito cumprimento da lei, valorar a independencia do traballo dos funcionarios e técnicos públicos da Xunta de Galicia e non sumarse a declaracións demagóxicas e inaceptables, poñendo en dúbida as institucións e os informes oficiais”, sinalou.