Santiago, 5 de xuño de 2018. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe no Parlamento que o BNG pretenda “entremeterse nas competencias das universidades obrigándoas a adoptar medidas en materia de igualdade”. “O Goberno galego non pode interferir nin impoñer ás universidades accións para paliar as desigualdades no eido profesional e académico”, apuntou.
Paula Prado explicou que, da análise dos distintos estudos existentes a nivel nacional e galego sobre a igualdade de xénero e a ciencia, “constátase que determinadas profesións teñen infrarrepresentación de mulleres; que a proporción de mulleres diminúe cando aumenta o nivel de representatividade; que a presenza de mulleres diminúe se se considera tamén o nivel de idade; ou que o número de mulleres investigadoras que son nais tamén diminúe”.
MEDIDAS DA XUNTA PARA A IGUALDADE
Neste sentido, a viceportavoz popular manifestou que o VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020, dotado con 105 millóns de euros, “incorpora medidas para estimular a incorporación, a permanencia e a promoción profesional das mulleres nos ámbitos académico, científico, tecnolóxico e creativo”.
En concreto, referiuse a medidas para o impulso á incorporación das mulleres aos equipos de desenvolvemento de proxectos nos sectores tecnolóxicos e da innovación, no ámbito da empresa e da investigación; o desenvolvemento de accións para estimular a incorporación das mulleres ás novas profesións dixitais; o potenciamento das políticas activas de apoio á participación e promoción profesional das mulleres no ámbito da cultura, a produción artística e intelectual; e o recoñecemento das mulleres científicas e tecnólogas galegas e promoción da súa imaxe na sociedade como referentes femininos.
Á maiores deste Plan Estratéxico, Paula Prado tamén se referiu ao II Plan galego de muller e ciencia 2016-2020, dotado con 9 millóns de euros; ou ao Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que inclúe cen medidas concretas para as que se destinarán cerca de 850 millóns de euros e que sitúa a Galicia como a primeira comunidade autónoma en contar cunha ferramenta de planificación destas características.
AUTONOMÍA DAS UNIVERSIDADES
Respecto da proposición de lei defendida polo BNG, a viceportavoz popular subliñou que “as universidades son entidades que pertencen ao sector público institucional e ás que a Constitución recoñece autonomía”. Porén, no ámbito da igualdade, Prado sinalou que “as tres universidades de Galicia contan cunha oficina de igualdade, cun plan de igualdade e cun protocolo contra o acoso sexual”.
“A Xunta xa conta con instrumentos para fomentar a igualdade en todos os ámbitos, ao tempo que está a apostar por levar a corresponsabilidade a todos os eidos profesionais, pero é preciso abordar este traballo sen invadir as competencias propias e a autonomía universitaria”, manifestou.